O grupo municipal socialista considera os orzamentos do concello de Leiro "unha decepción para os veciños"

2, Maio 2012

O Grupo Municipal Socialista de Leiro afirma que os orzamentos  presentados polo PP supoñen unha decepción para os veciños, “porque nin teñen o carácter social necesario en tempos de crise, nin establecen ningún plan de reestructuración ou aforro”.

 O portavoz socialista, Manuel Rodríguez, considera que son uns orzamentos continuístas que carecen de criterio político e económico.

“Non son realistas, nin equilibrados, nin transparentes, nin pretenden unha maior eficiencia dos servizos ou unha optimización dos recursos”, sinala.

Os socialistas critican que “un ano máis” recibiron os orzamentos dous días antes do pleno, faltando o alcalde á súa palabra, xa que o ano pasado prometera entregalos unha semana antes para poder analizalos detidamente.

 Ademais denuncian que non todas as parroquias son tratadas da mesma forma, pese a que os veciños pagan os mesmos impostos, e que aplican o criterio da rendabilidade electoral, “investindo alí onde teñen graneiros de votos”.

No pleno, Rodríguez criticou a paga do tenente de alcalde, 7.499,94 euros netos ao ano, e a do tenente alcalde, que ascende a 535,71 euros brutos/mes máis pagas extras “por unha hora diaria no Concello”.

Tamén denunciou o alto custe que supón para os veciños de Leiro pertencer á Mancomunidade do Ribeiro, deseñada para doce concellos dos que só quedan cinco. Neste punto dixo que a partida de 2011 contemplaba 165.000 euros que pasaron a 194.000 euros no peche do exercicio, o que sumado á continua perda de poboación fai que o custe dos servizos mancomunados sexa “esaxerado”, e que ben podería ser a Deputación unha mellor solución.

Os socialistas esixen unha redución dos gastos en dietas e asignacións dos membros da corporación, un maior control do gasto corriente, bonificación nas diferentes taxas de recadación, máis inversións en servizos básicos (saneamento, alcantarillado, etc.), fomento do emprego, do turismo, de medidas medio-ambientais, “e só así serían uns orzamentos útiles para os veciños que recibirían o apoio do noso grupo”, conclúen.