O Partido Popular oficializa a candidatura de Manuel Prado para revalidar a maioría absoluta en Maio

26, Xaneiro 2019

Manuel Prado López (Boborás, 1958) optará a un novo mandato como alcalde de Beariz liderando a lista que o Partido Popular presentará neste concello, “pensando como o fixen sempre en ofrecer á miña xente os mellores servizos e proxectos”. Un candidato do que o presidente provincial, Manuel Baltar, destacou a súa capacidade para estar sempre ao carón dos seus vecinos “e ter a Beariz como máxima reivindicación”.

Prado López preside a corporación municipal desde 1983, ano no que decidiu dar un paso á fronte para traballar por un futuro mellor do seu concello. “En Beariz foi onde decidín facer a miña vida e daquela estimei oportuno que participar na vida política local era o mellor xeito de loitar polo meu concello”, explicou o candidato.

En todos estes anos foron moitos os obxectivos conseguidos, pero Manuel Prado xa está a pensar en novos retos cara un próximo mandato. O principal, afirma, “é sentar as bases que nos permitan fixar poboación, sen dúbida unha das prioridades que ten calquera concello do rural”. Con esa finalidade loitarán por poner en marcha o parque empresarial, como xeito de xerar riqueza e emprego no municipio, “aínda que tamén hai outros proxectos, como rematar o novo cemiterio municipal”.

Trala súa decisión de liderar de novo a lista popular en Beariz, López afirma que non se parou a pensar o sentir dos seus veciños, “que xa se demostra co apoio que nos outorgan nas eleccións, unha confianza que hai que gañar non cada catro anos, senón desenvolvendo un proxecto continuo, ao longo do tempo, que mellore a calidade de vida da xente”.

“Falar de Manuel Prado é falar dun grandísimo alcalde con vocación de servizo público”, subliñou entre tanto o presidente provincial, Manuel Baltar, para quen o seu traballo “se reflicte nas ocasións nas que conseguíu o pleno dos concelleiros da corporación”.

Ninguén pode dubidar, declarou Baltar, que o candidato “voltará a facer unha lista que contará co apoio maioritario da veciñanza, respaldando unha traxectoria marcada pola entrega, o compromiso e sobre todo a identificación con Beariz”. Lembrou Manuel Baltar que o candidato tamén preside a xunta local do Partido Popular, “o que fala da súa visión política”.