O Partido Popular presenta a Patricia Torres como a nova candidata á alcaldía de Boborás "para construir un concello en clave de futuro"

19, Marzo 2019

Ana Patricia Torres Madureira (Caracas, 1984) será a nova cabeza de lista da candidatura que o Partido Popular presentará en Boborás, reto que afronta “como un mandato no que a veciñanza sexa a protagonista e participe na construción dun concello en clave futuro”. Torres toma o relevo de Cipriano Caamaño, alcalde desde 1991 “e que culmina una etapa de goberno exitosa, sempre revalidando maiorías absolutas”, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, que tamén agradeceu á candidata que se puxera a disposición do partido aproveitando a súa ampla experiencia no equipo de Caamaño”.

Patricia Torres forma parte do goberno de Boborás desde 2011, asumindo, entre outras, as competencias de cultura e turismo, onde procurou a recuperación de diferentes tradicións, a posta en valor do patrimonio ou a festa da Batalla, sen deixar de citar outras responsabilidades no ámbito social como o servizo de conciliación ou a construción do edificio sociocultural.

Torres afirma estar moi ilusionada e agradecida “porque teño a oportunidade de levar a cabo un proxecto moi ambicioso para Boborás, con proxecto e un equipo cheo de gañas por traballar”. Como declaración de intencións, a candidata asegura que loitará “pola construción de novas infraestruturas que melloren a calidade de vidas dos veciños e daqueles que veñan no futuro, humanizando cada vez máis os pobos e conseguindo que Boborás non só sexa un referente turístico, senón tamén pola recuperación do seu patrimonio social e cultural”.

A candidatura de Patricia Torres “foi unha decisión tomada por unanimidade porque Patricia nos superou a todos en interese, xestión e traballo”, asegurou pola súa banda Cipriano Caamaño, para quen Boborás ten na candidata “a unha persoa con todas as garantías de servizo, formada e cunha gran sensibilidade cara o patrimonio e a cultura”. O propio Caamaño explicou que decidiu dar un paso ao lado “porque vexo que hai xente comprometida e competente, polo que creo que debo dar o relevo, agradecendo aos meus veciños todo o cariño demostrado e o apoio maioritario en cada mandato".

Tamén o presidente provincial, Manuel Baltar, quixo agradecer “o traballo, o compromiso e a lealdade demostrada en todo este tempo por Cipriano Caamaño”, unha etapa, insistiu, “marcada sempre pola confianza dos veciños con maiorías absolutas en todos os comicios nos que se presentou e noutras convocatorias electorais”.

Agora, declarou, “ábrese unha nova etapa con Patricia Torres, que ten experiencia dabondo de goberno, con especial vocación pola cultura, por poñer en valor o importante significado que ten Boborás en ámbitos como o turismo ou mesmo o termal”. Para Manuel Baltar, a candidata sabe que o seu concello “está chamado a xogar un importante papel na comarca, pero aínda máis na provincia, por iso saudamos e agradecemos que puxera a disposición do partido a súa experiencia e iniciativa”.