O PSOE acudirá á Fiscalía se o Alcalde do Irixo non convoca o pleno da Corporación Municipal

20, Marzo 2012

O Concelleiro  Socialista do Irixo presentou un escrito no Concello solicitando a inmediata convocatoria do pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro, tal e como quedou establecido ao comezo do actúal mandato municipal.

 O portavoz, Javier Rodríguez, considera “unha vergonza que para suspender o pleno o alcalde se escude na redacción dos orzamentos e na previsión de supostos incidentes durante a súa celebración”.

“Ao alcalde fáltalle a valentía de afrontar ante os veciños as súas decisións respecto da incineradora nun pleno onde por fin ía debaterse esta cuestión”, afirma. Así, o edil socialista advirte que de non cumprir coa lei e o regulamento polo que os plenos ordinarios deben celebrarse cada dous meses, o segundo xoves de cada mes, se remitirá a documentación pertinente á Fiscalía Provincial para que se tomen as medidas oportunas.

Lembra que ao non convocarse os plenos ordinarios estanse vulnerando dereitos fundamentais dos concelleiros na súa labor de control ao Goberno Municipal.