O PSOE local critica a ausencia de Feijoó e do portavoz do PP na Festa do Pulpo

11, Agosto 2010

( Redacción. Rocio Campos) A Agrupación Local do PSOE felicita ó grupo do goberno municipal polo resultado acadado na derradeira edición da Festa do Pulpo e da celebración das Xociviga 2010. Ambos actos de gran repercusión gastronómica e cultural para o concello favoreceron tanto á hostelería como ó sector turístico. Nas derradeiras semanas as prazas hoteleiras do Carballiño e dos arredores quedáronse curtas, rexistrando unha ocupación do 100%. Pero o éxito acadado non sería posible, segundo o PSOE, sen a intensa laboura feita desde as diferentes áreas do concello, como a de Turismo, Cultura ou Comercio, que cunha organización á altura das circunstancias colaboraron na consecución dun record guinness para O Carballiño, o do plato de pulpo máis grande xamais visto. Na celebración de ambos eventos tamén cabe destacar, apunta o PSOE, a implicación dos departamentos de Medio Ambiente e Obras e Servizos Públicos, así como tamén da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade. Pero os agradecementos por parte da agrupación local do PSOE, non so se limitan á colaboración cidadán, senón tamén á presenza de diferentes persoeiros que tras ser invitados polo concello carballiñés se derón cita o pasado día 8 na  XLVIII edición da Festa do Pulpo. Entre os presentes hai que destacar ós membros do goberno municipal de Oberhausen, cidade xa irmandada coa historia carballiñesa despois da repercusión do pulpo "Paul", así como tamén a presenza do actual ministro de Fomento José Blanco. Non é o caso da falta da representación do Goberno Galego, o presidente Alberto Núñez Feijoó, tamén invitado con suficiente antelación, e do líder da oposición municipal do Partido Popular carballiñés, Argimiro Marnotes. O Secretario Xeral da Agrupación Local do PSOE, Guillermo Fernández Dopazo quixo agradecer finalmente "o esforzo de todos os partícipes nestes eventos e felicitalos e animalos para que as vindeiras edicións tanto das Xociviga como da Festa do Pulpo sigan o camiño marcado neste ano".