OPSdG denunciará á empresa concesionaria do servizo de axuda a domicilio "por coaccións a unha concelleira"

28, Agosto 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño denunciará á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar por coaccións a cargo público no exercicio das súas funcións. Ademais, esixen a Marnotes a anulación da concesión do servizo a esta empresa que non só incumpre as condicións acordadas coas traballadoras senón que tenta silenciar e amedrentar a quen protesta.

 Así o anunciaron hoxe a concelleira Iolanda Otero e o portavoz do PSdeG, Francisco Fumega, nunha rolda de prensa na que explicaron estes feitos.

 A denuncia ven motivada pola carta enviada dende a empresa ao Grupo Socialista na que se lles insta a non continuar coas reclamacións pola situación laboral na que se atopan as traballadoras dende que o servizo de axuda no fogar foi privatizado polo concello mediante concesión á empresa Galaurea.

 Nesta carta, a empresa ameaza con denunciar á concelleira por revelación de datos e violación da intimidade dos usuarios, facendo referencia ao debate sobre esta cuestión no pleno do pasado 17 de xullo.

 Os socialistas sinalan que esta acusación é totalmente falsa, que en ningún momento houbo revelación de datos dos usuarios do servizo de axuda no fogar, senón unha defensa da situación que levan meses sufrindo as traballadoras, con reiterados incumprimentos do seu convenio laboral, reducción de horas de traballo e empeoramento das súas condicións.

 A concelleira Iolanda Otero afirmou hoxe que “non imos deixar que unha empresa privada nos intimide, e moito menos imos deixar de exercer o noso traballo de fiscalización. Non nos van amedrentar nin a silenciar”.

 Na mesma liña, Francisco Fumega sinalou que “unha empresa privada non pode determinar como fai o seu traballo a oposición, que está precisamente para defender os intereses dos cidadáns”.

Fumega tamén criticou a postura mantida polo alcalde  xa que “o representante dos cidadáns non pode poñerse de lado dunha empresa. Ten que defender ás traballadoras e non o fai. E neste caso, ten que defender á concelleira socialista como membro da corporación municipal ante este tento de intimidación que está a sufrir”.