Os concellos da comarca mostran o seu apoio e solidariedade aos traballadores do sector da alimentación na provincia

Os concellos da comarca mostran o seu apoio explícito ás reivindicacións das traballadoras e traballadores do sector do comercio da alimentación da provincia de Ourense, que levan meses mobilizándose por un convenio digno. Así o fixeron saber nunha xuntanza celebrada con representantes sindicais e membros doutros concellos da contorna, onde se abordaron as condicións laborais discriminatorias que sofre o persoal ourensán fronte a outras provincias.
Na reunión, celebrada na casa do concello carballiñés, participaron os concelleiros carballiñeses Diego Fernández, Rosa Fuentes e Lorena Castro polo Carballiño, así como representantes dos concellos do Irixo, Beariz, San Cristovo de Cea, Piñor, Punxín e Maside. O Concello de Boborás, que non puido asistir, tamén fixo chegar o seu apoio á causa.
As organizacións sindicais CCOO, CIG, UGT e USO explicaron que o persoal do sector en Ourense, en gran parte mulleres, continúa cobrando o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), mentres que nas provincias da Coruña ou Pontevedra, traballando nas mesmas cadeas —Gadis, Froiz e Cuevas— percíbense ata 3.000 euros máis ao ano, con pluses por transporte, nocturnidade ou traballos en domingos e festivos. A proposta empresarial actual contempla unha suba progresiva que non equipararía os soldos ata 2028, cando A Coruña xa estaría negociando novas melloras.
Esta situación non só supón unha discriminación salarial inxustificable —dado que o custo de vida é semellante entre provincias e as empresas contan con beneficios millonarios—, senón que tamén agrava o problema da despoboación, ao obrigar a moitas persoas a abandonar Ourense en busca de condicións dignas noutros territorios. Os representantes sindicais lembraron que xa se celebraron manifestacións masivas e advertiron de novas mobilizacións, entre elas concentracións o 18 de xullo diante de supermercados Froiz (As Lagoas) e Gadis (rúa Xoán de Novoa), así como xornadas de folga os días 24 e 26.
Dende o goberno municipal do Carballiño subliñan que “non estamos ante un conflito puntual, senón ante unha situación de desigualdade estrutural que afecta ás nosas veciñas e veciños”. Por iso, fan un chamamento á cidadanía a apoiar as mobilizacións e á patronal a negociar de boa fe. “As empresas teñen capacidade económica abonda para garantir condicións equitativas. A súa negativa só xera precariedade e frustración nun sector feminizado e esencial”, destacaron.
Os concellos asistentes comprometéronse a dar visibilidade ao conflito, apoiar publicamente as traballadoras e traballadores, e trasladar ás empresas implicadas a súa esixencia de “igual traballo, igual salario”.