Os emprendedores do Grupo de Desenvolvemento Rural O Carballiño-Ribeiro poderán beneficiarse dunha oferta financieira de ABANCA

9, Decembro 2020

ABANCA e o Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-Ribeiro asinaron hoxe un novo convenio financeiro co fin de promover, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica na comarca do Carballiño e do Ribeiro. O banco amosa así seu apoio aos traballadores e empresarios rurais desta zona do noroeste da provincia de Ourense, mantendo seu compromiso directo coa súa viabilidade, aínda máis nestas circunstancias tan especiais derivadas da crise sanitaria actual.

O convenio foi subscrito polo presidente do GDR Carballiño-Ribeiro, Francisco José Fernández, e o director de zona de ABANCA en Ourense Oeste, Carlos Díez. Grazas a este convenio, o banco pon a disposición dos beneficiarios dos proxectos vinculados ao GDR un plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades.

O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios destas comarcas contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.

A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos específicos para os proxectos agrogandeiros como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais, corfirming ou factoring segundo as súas necesidades. Os convenios tamén reservan un espazo á internacionalización grazas ás liñas de comercio exterior e ao financiamento oficial a través de diversos programas do ICO, SGR galegas e axudas específicas derivadas da crise da COVID19.

Do mesmo xeito, os empresarios destas comarcas ourensás poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a disposición destes profesionais o seu servizo de banca electrónica.