Os institutos carballiñeses organizan as "Primeiras Xornadas pola Ciencia no Carballiño", con actividades abertas ao público en xeral.

14, Abril 2023

As ciencias poden ser divertidas e con esta premisa daranse a coñecer aos alumnos e alumnas dos institutos do Carballiño e a toda a poboación nunhas xornadas que contarán con carballiñeses de recoñecido prestixio como poñentes. A iniciativa foi presentada esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández; as representantes do IES Número UN Isabel Álvarez e Ana Lousado e o director do IES Chamoso Lamas, Aurelio Rodríguez.

As Xornadas pola Ciencia no Carballiño desenvolveranse ao longo da próxima semana e tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, “hai tempo que os responsables dos institutos e o Concello comezamos a manter contacto para animar aos rapaces e rapazas a somerxerse neste ámbito”. O edil destacou que os poñentes son carballiñeses de recoñecido prestixio no mundo das ciencias e agradeceu a súa colaboración e o traballo da dirección e do profesorado dos institutos. A intención é que as xornadas teñan continuidade no tempo.

Almudena Mosquera, directora do IES Número Un, agradeceu a implicación do Concello do Carballiño e asegurou que tanto o alumnado como os docentes “están desexando divertirse coa ciencia nunhas xornadas que agradamos que se sigan repetindo no futuro”. Tamén explicou que ao longo da próxima semana, neste instituto levaranse a cabo diferentes obradoiros para achegar aos rapaces e rapazas dende experimentos ata nocións sobre física.
Aurelio Rodríguez, director do IES Chamoso Lamas, tamén agradeceu a implicación do Concello nesta iniciativa e insistiu en que o que se pretende é dar a coñecer a ciencia a través do xogo. Tamén neste instituto haberá obradoiros e actividades ao longo de toda a semana e tres xornadas abertas ao público.

Esta é a programación das Xornadas da Ciencia:

Martes, 18 de abril. A química, investigadora e docente Marga Vázquez González ofrecerá a conferencia que leva por título “Camiño hacia unha carreira investigadora. Descubrindo o potencial das nanomaterias”. Será na Casa da Cultura a partir das 20.00 horas.

Mércores, 19 de abril. O físico, investigador e Premio Nacional de Meteoroloxía Miguel García Pérez, impartirá a charla titulada “Cuarenta anos de investigación climática no Carballiño”. Casa da Cultura. 20.00 horas.

Xoves, 20 de abril. O cardiólogo, docente e investigador Eduardo Barge ofrecerá a conferencia “A investigación no Servicio Galego de Saúde”.

Para o venres, 21 de abril, organizouse unha Feira Científica na Praza Maior e na que os estudantes do IES Número 1 e do IES Chamoso Lamas realizarán experientos. Será en horario de 17.30 a 20.30 horas.