Os montes da Costa, Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa e Escoirede xa pertencen á parroquia de A Veiga

27, Agosto 2009

O Xurado Provincial de Montes Veciñais e Man Común ven de resolver o expediente de clasificación tramitado polos veciños da parroquia de Veiga, rexistrando ó seu favor os montes da Costa, o Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa e Escoirede, todos eles -no seu conxunto- dunha extensión de 33 hectáreas, das que a maioría -case 20 hectáreas-, corresponden ó chamado monte da Costa e o resto ós de Pareisal, A Lagoa, o Campo da Festa, e Escoirede. O Xurado Provincial de Montes Veciñais resolve así o expediente que comezou a tramitarse no ano 2005. No edicto no que se recoñece a propiedade dos veciños de Veiga sobre estes montes, maniféstase que está acreditado o carácter de veciñal mediante as testemuñas dos veciños solicitantes e as actuacións realizadas polo Servizo Provincial de Montes e no que durante a tramitación do expediente se tivera producido reclamación ningunha de titularidade distinta. Así pois, os comuneiros da parroquia de Veiga pasan a ser os lexitimos propietarios de todos estos montes. Nalgúns deles, como o de Escoirede, a maior superficie foi ocupada por edificios públicos como o Centro Comarcal do Carballiño ou a Residencia de Maiores. Tamén forma parte destas parcelas a zona onde se construíu a Pavillón Polideportivo e as piscinas municipais.