Os socialistas celebran o éxito da manifestación do Irixo e esperan que se repita o dia 29

9, Xaneiro 2012

O portavoz socialista no concello do Irixo, Javier Rodríguez, manifesta a súa satisfación polo éxito da manifestación que o pasado sábado tivo lugar nesta localidade, na que “veciños do pobo, da comarca e das comarcas veciñas manifestaron o seu total rexeitamento á incineradora coa que o PP quere condenar á provincia Ourense”.

Rodríguez, que felicita aos organizadores desta manifestación, considera ridículas as declaracións do alcalde aos medios de comunicación coas que pretende minimizar a contestación social que ten a planta  incineradora de lixo.
“É non querer ver a realidade, pero negándose a ver que ninguén quere esta planta no noso concello só aumentarán as mobilizacións dos veciños”, sinala.
O edil socialista espera que a manifestación que terá lugar o vindeiro 29 de xaneiro no  Carballiño sexa igualmente multitudinaria.

“Todos unidos conseguiremos evitar que a planta se instale no Irixo, como xa ocorreu noutras localidades”, apunta, aínda que advirte do dobre xogo que o PP está  facer con este tema.
“Que ninguén se engane, porque pese algún desmarque puntual en clave local, é o PP quen dá a Ourense a incineradora  como única alternativa de futuro e grazas a quen se queimará na nosa provincia  o lixo de toda Galicia se non o impedimos”, conclúe.