Pendentes da televisión (G2 19:30 h) para ver ao Arenteiro disputar o seu primeiro título nacional. Numerosos afeccionados acompañan ao equipo nesta histórica cita en Valencia.

1, Novembro 2022

O Arenteiro cítase coa historia este mércores dia 2 de novembro, ás 19:30 horas saltará ao terreo de xogo do estadio Luis Suñer de Alzira para disputar a gran final da Copa Federación, por vez primeira nos 64 anos de historia do club carballiñés está ante a oportunidade histórica de facerse cun título nacional. O partido será retransmitido en directo pola G2, a segunda canle da Televisión de Galicia.

O equipo partíu na noite deste pasado lúns dende O Carballiño, numerosos seguidores agardaban o paso do autocar á altura da rotonda da Alameda, onde os fútbolistas e corpo técnico foron despedidos entres vítores e aplausos. A expedición está aloxada nun hotel da capital valenciana, preto da cidade deportiva de Paterna, onde o equipo adestrou na tarde do martes e volverá facer outro lixeiro adestramento este mércores pola mañá, nas instalacións cedidas polo Valencia CF.

A UD Alzira, igual que o Arenteiro milita na Segunda Federación, no grupo 3, e o seu estadio ten unha capacidade para 5.000 espectadores, curiosamente o club celebra este 2 de novembro o seu centenario, prevese un ambiente de gala.  A cidade de Alzira, a 40 quilómetros de Valencia, é a capital da comarca da Ribeira Alta do Júcar e conta cunha poboación de 45.000 habitantes.

O Arenteiro non estará só neste partido histórico a pesar dos 900 quilómetros que separan O Carballiño de Alzira. O grupo máis numeroso -55 afeccionados- viaxa nun autocar da Empresa Rodríguez con chegada prevista a Alzira ao mediodia do mércores, e emprenderán viaxe de volta despóis de que remate o partido, pero son moitos máis os que optaron por outros medios, vehículos propios, no AVE e mesmo en Avión, de feito o club valenciano xa despachou preto de 200 entradas a afeccionados do Arenteiro.

A RFEF organizou un xantar de confraternización ao que asisten os responsables da Federación Galega de Fútbol, Federación Valenciana, e directivas de ambos clubes. O premio para o campión desta Copa Federación é de 90.000 euros, mentres que o subcampión recibe unha compensación económica de 30.000 euros.