Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con rapaces e rapazas federados de entre 6 e 16 anos. Esta axuda permitirá a compra ou renovación de material e equipamento deportivo, acudir a clases ou pagar matrículas.

18, Setembro 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo.

Salientou que esta iniciativa, dirixida a deportistas federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as familias e incentivará as compras no comercio galego.

Así o anunciou na xuntanza cos membros do Goberno galego na que se abordaron os feitos e próximos obxectivos da Xunta na liña das políticas do Goberno galego “desde as persoas e para as persoas” e incidiu en que a “axenda da Xunta é a axenda de Galicia”. Neste senso, tamén apuntou que xa se está a traballar para elaborar un teito de gasto que permita contar cunhas contas públicas de cara ao ano que vén.

Neste encontro salientou as iniciativas que aprobou o Goberno durante o último ano, como: a Lei do litoral, para xestionar toda a costa galega na súa extensión; as medidas de apoio ás familias, coa equiparación das familias con dous fillos ás familias numerosas a efectos do IRPF; as relacionadas cos problemas de acceso a un fogar, impulsando preto de 1900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3000 da man de promotores privados; as medidas relacionadas cos tributos, configurándose Galicia como unha das comunidades autónomas con menos impostos para as rendas medias e baixas; e a aposta galega polo uso de enerxías renovables coa aprobación da Lei de recursos naturais.

Rueda afirmou que Galicia “é unha terra forte”. Salientou a capacidade da comunidade para recuperar a fortaleza económica prepandemia seis meses antes que o conxunto de España.

Isto súmase a demostración en cifras que fai Galicia cada ano batendo récords de visitantes ao consolidarse como un dos destinos turísticos favoritos por excelencia por ser unha comunidade acolledora, aberta e hospitalaria, tal e como sinalou o presidente galego.

O titular da Xunta tamén destacou “o espírito de superación que se transmite de xeración en xeración” e que sitúa Galicia á cabeza de España, de Europa e do conxunto dos países desenvolvidos en resultados de escola e emprego. Por este motivo, afirmou que a nosa comunidade é “unha terra de traballo”, na que o desemprego está en cifras máis baixas que nunca e con máis persoas cotizando que no ano 2009.

Rueda destacou que Galicia leva anos traballando polas familias, pola creación de oportunidades de postos de traballo e no asentamento das bases para un futuro mellor. O sistema educativo galego é “unha referencia en inclusión das rapazas e rapaces con necesidades especiais e en apoio ás familias menos favorecidas”, sinalou o presidente.

En materia de sanidade, o goberno implantou numerosas medidas para protexer a saúde dos galegos e das súas familias. Galicia converteuse na comunidade que máis aumentou as prazas MIR de medicina de familia e nun referente na implantación de medidas contra o déficit de profesionais, afirmou o presidente.

Rueda avanzou a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia para antes do fin da lexislatura e o reforzo no enfoque proactivo neste ámbito a través de Plans locais de saúde. “O reto non é só tratar a doenza, senón previla antes de que apareza”, afirmou o presidente galego.