Sorteos, agasallos de camisetas, sorpresas e animación musical para o Dia Da Bici, o domingo 19.

O Concello do Carballiño impulsa este domingo o XX Día da Bici en colaboración con +Deporte La Región, ximnasio Korpore e club ciclista Carballiño Sobre Rodas. A actividade, gratuíta, está dirixida a poboación de todas as idades co obxectivo de desfrutar dunha xornada familiar, deportiva e divertida. “Este ano fixemos algúns cambios, temos tres carreiras diferentes por idades, pensadas para os máis pequenos, os rapaces e os adultos”, detallou José Castro, concelleiro de Deportes, na presentación desta mañá.
As tres probas comezan ás 11,30 horas na Praza da Veracruz. A carreira dos máis pequenos realizarase dentro do entorno da Veracruz; a dos rapaces (ou adultos que prefiran un percorrido máis curto) é de 4 kilómetros, con volta polo Parque Municipal, e a máis longa, de 8,5 kilómetros, chega a Mesego e regresa. “Quitamos a subida ao Chamoso e faremos unha volta arredor da Residencia de Tempo Libre”, indicou José Castro.
Rebeca Amil, do ximnasio Korpore, animou á participación da veciñanza, e recordou a importancia dos hábitos de vida saudables. “Intentamos que a poboación teña propostas deportivas variadas, e que se anime a sumarse”, apuntou. Pola súa parte, Lalo Gómez, de +Deporte La Región, puxo en valor a iniciativa do Concello do Carballiño, que alcanza este ano a súa vixésima edición. “La Región súmase a este evento porque compartimos eses obxectivos de vida saudable e de que os nenos manteñan un estilo de vida activo”, explicou.
O Día da Bici incluirá regalos, sorpresas e a animación musical de DJ Tibu. “La Región colabora coas camisetas, que se entregarán a todas as persoas inscritas”, apuntou Lalo Gómez. “Tamén haberá outros regalos para os nenos, como cascos e camisetas do Arenteiro. É un día para pasalo ben en familia”, engadiu José Castro.
O prazo para inscribirse, e recibir así a camiseta de +Deporte La Región, remata este venres, día 17 de outubro, ás 13,00 horas. Porén, a participación é aberta a toda a poboación, basta con presentarse na Praza da Veracruz coa bicicleta.