As traballadoras da Residencia de Tempo Libre ante o pleno do concello "non queremos paro"

10, Decembro 2013

A corporación carballiñesa celebrou unha bronca sesión, convocada con carácter extraordinario por iniciativa do grupo socialista, na que se tratou o presente e futuro da Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

As traballadoras ocuparon o salón de plenos portando carteis con lemas como "necesitamos traballar máis tempo" ou "4 meses non dan para comer", mostrando o apoio á mociòn presentada polo grupo socialista na que demandaban distintas actuacións que terían que facerse dende a institución municipal para manter a residencia aberta todo o ano, e despois de que a Xunta anunciase que durante durante 2014 abrirá oito meses en vez dos 4 que tivo de actividade este ano "sempre que haxa demanda". Precisamente, esta "condicionante" foi calificada como "unha trampa" por parte da concelleira do BNG Áurea Francisco "so se necesita vontade política", manifestou.

O Partido Socialista, por medio do concelleiro Adolfo Nogueira, acusou ao Partido Popular de non cumprir o seu programa electoral. Os socialistas calculan que O Carballiño perde máis dun millón de euros ao ano pola non apertura da residencia os doce meses do ano, e criticou a deficiente promoción que se fai da residencia na páxina Web do concello, que o socialista puxo como exemplo do pouco interés municipal por conseguir dinamizar o uso desta instalacións.

Dende o goberno municipal, Martín Nogueira lamentou a utilización política dunhos traballadores, dos que despois o alcalde subliñou que "so 9 dos 29 son do Carballiño, temos que ser cuidadosos coa promoción que se faga da residencia porque tamén debemos apoiar e promocionar ao conxunto de hoteis e hostais do Carballiño, que tamén dan emprego a traballadores que sin residen no Carballiño", manifestou Marnotes. O alcalde proclamou que "fixemos máis dende este goberno municipal pola residencia en dous anos e medio do que fixeron vostedes en 16 anos no concello", referindose aos socialistas.

Finalmente, o alcalde indicou a posiblidade de que "o concello e a hostelería local poidan participar na xestión da Residencia de Tempo Libre, tal como se demandaba dende a oposición.