Un domingo de infarto para a última xornada da primeira fase na terceira división. O Arenteiro, xa clasificado para o ascenso directo, recibe en Espiñedo ao Ribadumia.

25, Marzo 2021

Un domingo como os de antes, de fortes emocións e de carrusel de partidos, todos á mesma hora. A primeira fase da Terceira División conclúe oficialmente esta próxima fin de semana coa disputa da última xornada nos dous grupos e a emoción está asegurada, debido a que aínda quedan moitas cousas por decidir.

Sabemos que Bergantiños e Arenteiro xa son oficialmente os campións de senllos grupos, e que no Grupo B, xunto co propio Arenteiro, Alondras e Arosa xogarán polo ascenso directo. O desenlace, este domingo 28 de marzo a partir das 17 horas.

O CD Arenteiro proclamouse esta pasada fin de semana campión de grupo. Arosa SC e Alondras CF acompañarán aos do Carballiño na Fase de Ascenso directo. Aínda que o Arenteiro xa está clasificado dende fai tres xornadas para disputar a fase do ascenso directo, sigue sendo de moita importancia acceder a esta segunda fase coa maior puntuación posible, polo que de gañar ao Ribadumia este domingo en Espiñedo accedería con 47 puntos.

O partido co Ribadumia será de novo con aforo limitado en Espiñedo a 500 espectadores, con preferencia para os socios, e coa posiblidade de acceso ao público ata completar aforo.

A última xornada da primeira fase decidirá as prazas de 4º, 5º e 6º clasificado, xa que Ourense C F, Estradense, CD Choco e Rápido de Bouzas teñen 28 puntos,  CD Barco ten 27 puntos, o CD Ribadumia ten 26 e a UD Ourense ten 25 puntos, polo que todo pode pasar nesta última xornada. A última xornada da primeira fase na Terceira División disputarase o próximo domingo 28 de marzo ás 17 horas en horario unificado.

A segunda fase da Terceira División arrincará oficialmente a fin de semana do 3-4 de abril. Cómpre salientar que o descanso previsto entre fases eliminouse polo parón necesario que se fixo no seu día para recuperar partidos.

O próximo luns coñeceremos tamén o calendario desta segunda fase, na que CD Arenteiro loitará polo ascenso á 2ª RFEF.