Un equipo do IES Chamoso Lamas participa nun debate escolar europeo para a promoción da oratoria

29, Abril 2015

O vindeiro sábado día 2 de maio vai celebrarse en Melide a primeira edición galega dos debates escolares "Modelo Parlamento Europeo, MEP", organizada por Agorae, a asociación galega para a promoción da oratoria en Europa, de recente creación. Nela participará o IES Chamoso Lamas, cun equipo que estará capitaneado polos profesores Clara Vázquez e Miguel Pereira, e integrado polo alumnado: Yeray Diéguez Barreiro, Danarys Michel Constantine, Lucía España Fariñas e Ana Fernández Justo.

A actividade, celébrase por primeira vez en Galicia como resultado da colaboración entre a devandita asociación e os organizadores e promotores da actividade a nivel nacional, a Fundación San Patricio. Conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Concello de Melide, de tal xeito que a comunidade autónoma participa neste certame cunha representación de 10 centros de ensino. 

Os centros participantes na edición galega do MEP son:

  • IES Eduardo Pondal de Santiago
  • IES Maruxa Mallo de Ordes
  • IES A Pinguela de Monforte
  • IES Chamoso Lamas de O Carballiño
  • IES Antón Fraguas de Santiago
  • IES de Melide
  • Colexio SEK Atlántico de Poio
  • ColexioLa Salle, de Santiago
  • CPR PREMIR, de Santiago

A xornada comezará ás 10.30 horas. A partires dese momento, os representantes dos centros participantes distribuiranse en catro "Comisións" -emulando o sistema do Parlamento Europeo- nas que se tratarán os seguintes temas:

  •  A política de cohesión e os nacionalismos na UE
  •  A prevención do uso do sistema financeiro para o blanqueo de capitais
  •  Programa xeral de Medio Ambiente da Unión / Ecoinnovación - Emprego e crecemento a través da política medioambiental
  •  Como promover a competitividade e sustentabilidade no emprego para as persoas con discapacidade na UE?
  • Logo do traballo por comisións, ás 16.00 horas dará comezo a Asamblea Xeral, na que todos os participantes -como se se tratara dunha sesión de Pleno no Parlamento Europeo- debatirán acerca dos catro temas expoñendo os seus argumentos e facendo propostas.

    A pesar de ser a primeira vez que se realiza en Galicia, o Modelo Parlamento Europeo leva realizándose a nivel estatal dende hai 15 anos promovido pola Fundación San Patricio.  MEP ten como obxectivo que os estudantes poñan en práctica as catro competencias lingüísticas seguindo o sistema de funcionamento do Parlamento Europeo.