Unha persoa tivo que ser liberada polos bombeiros tras colidir un coche e un camión en San Amaro

17, Xuño 2021

Un accidente entre un camión e un vehículo, no concello de San Amaro, fixo que os bombeiros tiveran que liberar a unha persoa que, posteriormente, foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia. Foi pasadas as cinco da tarde, cando o 112 Galicia recibía o aviso, a través dun particular, dun sinistro entre un turismo e un camión que transportaba tellas, na estrada OU-0412, na parroquia de Anllo.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia, informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, aos Bombeiros do Carballiño e Garda Civil. Xa no punto, foi o propio persoal sanitario quen solicitou un equipo de excarceración xa que, segundo sinalaban, non conseguían abrir a porta do turismo. Así, unha vez no lugar do accidente, os Bombeiros do Carballiño, procederon á excarceración e liberaron á ocupante do vehículo, unha muller, que foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Ourense.

Ademais, tamén acudiron a Garda Civil de Tráfico e o servizo de mantemento de estradas, que se encargou da limpeza da vía.