Xesús A. Gulías fai en "Polos camiños de Avión" unha viaxe pola tradición e a historia deste municipio
No libro "Polos camiños de Avión", o autor Xesús Antonio Gulías Lamas, fai unha viaxe cultural pola tradición e a historia deste municipio ourensán. A presentación desta publicación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de Avión, Antonio Montero; e o autor.
Manuel Doval destacou que esta obra "permítenos coñecer o municipio, un territorio que está marcado pola pegada que deixan nel as súas xentes e que non finaliza nos camiños de Avión, senón que están espalladas por todo o mundo a través da historia de todos aquel que emigraron e que aínda atopan en Avión a súa sinal de identidade". O deputado provincial de Cultura lembrou que Xesús Antonio Gulías Lamas xa "conta con outros traballos referentes a concellos como Beariz, por exemplo".
O autor da publicación explicou que, ademais do "achego" que sinte por esta terra, o principal motivo que "me levou a facer esta viaxe por todos os lugares deste concello para poder escribir este libro foi a ansia de profundar máis na súa cultura, no seu patrimonio e nas súas tradicións. Tratei de que esta andaina polas terras de Avión fora esencialmente cultural" pero, Xesús Antonio Gulías Lamas, sinalou que a cultura "non está só nos libros e arquivos, senón tamén nas xentes do pobo que foi recompilando datos, historias e lendas a través do tempo, polo que son enciclopedias viventes ás que hai que acudir e consultar".
Nese mesmo senso, Antonio Montero fixo alusión a un fragmento do libro que reflexa, segundo el, o que nel se conta: "O do viaxeiro é un turismo pobre, pero que o enriquece a el culturalmente, porque vai descubrindo en cada lugar por onde pasa, os tesouros que se foron conservando a través dos anos, dos séculos, ás veces ata dos milenios, co que se vai facendo unha idea de como era a vida dos seres humanos de cada sitio".
O alcalde de Avión dixo sentirse "orgulloso de que se escriba un libro o noso municipio, facendo un repaso non só pola cultura e o patrimonio relixioso e arquitectónico, senón tamén polas vivencias dos que habitaron Avión, dos actuais veciños e dos que non están no municipio, porque co traballo e esforzo de moita xente dos seus pobos fixeron que cos anos se escribiran moitas historias".