A Xunta achega ao alumnado do IES Manuel Chamoso Lamas propostas do seu interese a través dun punto de información xuvenil

30, Xaneiro 2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe cos estudantes do IES Manuel Chamoso Lamas que se achegaron ao longo da xornada ao Punto de Información Xuvenil itinerante habilitado no centro. Cristina Pichel explicou que o obxectivo é que os estudantes coñezan de preto todos os recursos, programas e axudas existentes en materia xuvenil e, ademais, poidan activar nestes puntos o Carné Xove, que o Goberno galego enviou gratuitamente a todas as mozas e mozos entre os 12 e os 30 anos de idade.

A Consellería de Política Social e Xuventude iniciou a comezos de 2022 esta iniciativa nos sete campus universitarios de Galicia e o ano pasado estendeuse aos Centros Integrados de Formación Profesional. Este curso sumáronse os centros de Secundaria e Bacharelato. Cristina Pichel apuntou que a través destes puntos de información achégase e mellórase a difusión de información de interese para a mocidade.

Os centroS educativos interesados nesta proposta deben solicitala a través do formulario dispoñible na páxina web de Xuventude, indicando o mes do curso escolar no que lles interesa recibir a visita do punto itinerante de información xuvenil. O horario deste punto estenderase, como máximo, ao longo dunha xornada lectiva.