A Xunta e a conselleira Rosa Quintana enxalzan o labor das polbeiras do Carballiño na posta en valor dun dos recursos máis emblemáticos do mar de Galicia

23, Abril 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á Romería das Pulpeiras, organizada pola Asociación de Pulpeiros do Carballiño. Este evento celébrase este ano por primeira vez co obxectivo de homenaxear ás polbeiras, tanto do Carballiño como do conxunto da comunidade, polo seu saber facer na elaboración deste molusco cefalópodo e por poñer en valor un dos recursos máis emblemáticos do mar de Galicia.

Esta xornada serve para enxalzar unha especie que o ano pasado rexistrou unha das mellores campañas de extracción dos últimos exercicios. Así, as lonxas galegas comercializaron arredor de 2.000 toneladas deste recurso tanto na pasada campaña como na actual e facturaron máis de 17 millóns de euros, unhas cifras que aínda aumentarán nas vindeiras semanas pois a campaña 2022-2023 remata o vindeiro 19 de maio. Esta é a data de inicio dunha veda que se estenderá ata o 3 de xullo.