A Xunta e o concello de Beariz avalían novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio

21, Marzo 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.

Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.

Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.