A Xunta reúnese con veciños afectados polo incendio forestal do Ribeiro, que afectou a seis municipios e arrasou 4.000 hectáreas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reuniuse hoxe con veciños afectados polos lumes no concello ribeirán de Carballeda de Avia. Xunto á directora territorial da Consellería en Ourense, Pilar Fernández, visitou o núcleo de Vilariño, e deu conta á veciñanza das liñas das axudas activadas pola Xunta en materia de vivenda.
Allegue insistiu no compromiso do Goberno galego para axilizar “coa máxima celeridade” a tramitación destas achegas, a fin de que as persoas afectadas poidan comezar canto antes a recuperación dos fogares. A conselleira lembrou que as axudas da Xunta poden acadar case 150.000€ no caso de vivendas habituais, xa que aos 132.000€ para rehabilitación do inmoble poden engadirse 16.200€ polo enxoval doméstico. En caso de segunda residencia, as axudas son de ata 66.000€ e 5.400€ para o enxoval.
Ademais, o Goberno galego tamén asumirá o 100% do alugueiro temporal, se é preciso e achegará ata 600€ máis para sufragar gastos de aloxamento provisional, transporte ou mudanza. Os afectados poderán percibir a contía total da axuda de xeito anticipado, o que lles permitirá axilizar obras de rehabilitación das vivendas.
Todos os damnificados teñen a súa disposición o teléfono 012 e o persoal do IGVS, e tamén nas 16 oficinas despregadas nas zonas afectadas (A do Ribeiro en Ribadavia) poden resolver todas as súas dúbidas.