O Carballiño abre ao público o seu primeiro parque canino, con 1.642 m2 dedicado aos animais de compañía

O Concello do Carballiño inaugurou esta mañá no Parque Municipal un novo recinto destinado ao esparexemento canino, un espazo delimitado e equipado para dar resposta á demanda dun lugar público específico para os animais de compañía.

A concelleira de Medio Ambiente e Termalismo, Elvira Torres, explicou durante a inauguración que o Concello quixo atender “unha das demandas que máis se nos fixo”, vinculada ao incremento da presenza de mascotas nos fogares e á necesidade de dispoñer “dun espazo público adecuado para elas”. Das ganas deste servizo deron conta os a ducia de peludos que visitaron o espazo xa na súa inauguración, e que de seguro serán os primeiros de moitos en desfrutar desta contorna preparada para eles.

O recinto conta cunha superficie de 1.642 metros cadrados e foi acondicionado cun peche perimetral, dous accesos e distintos elementos pensados tanto para a actividade dos animais como para facilitar a estancia e o uso do espazo por parte das persoas responsables deles.

Torres incidiu tamén na importancia dun uso responsable das instalacións. “Así como ter animais é un dereito, tamén hai unhas obrigas”, sinalou, antes de pedir a colaboración tanto das persoas usuarias do parque como do conxunto da cidadanía para “respectar e coidar as instalacións”.

Unha das principais características da nova área é a incorporación dunha zona de agility, formada por sete elementos: túnel, valado de salto, anel, balancín, pasarela, porta e slálom. Todos eles están executados con materiais previstos para soportar un uso continuado no exterior, con paneis de polietileno de alta densidade, elementos antivandálicos e antigrafiti e postes de madeira de piñeiro tratados en autoclave.

O recinto dispón tamén de dúas fontes, cada unha delas con dous grifos de pulsador e un deles adaptado especificamente para mascotas, así como de dúas papeleiras con dispensador de bolsas para a recollida de excrementos caninos. O proxecto inclúe ademais unha dotación inicial de 3.000 bolsas.

A responsable municipal subliñou que o mantemento do espazo dependerá en boa medida do comportamento das persoas que o utilicen. “Nós podemos poñer os medios, as instalacións e todo o mobiliario, pero depende moito da colaboración cidadá que isto siga adiante e se coide”, afirmou.

O equipamento complétase con seis bancos e cun cartel informativo para a zona de esparexemento canino. Os bancos contan con estrutura metálica e asento e respaldo de madeira técnica, mentres que o cartel está realizado en panel composite con acabado antigrafiti.

Para delimitar o espazo executáronse 196 metros de peche metálico, cunha altura de 1,5 metros e postes separados 2,5 metros entre si. O recinto dispón de dous accesos, situados nos seus extremos, mediante cancelas dobres.

A actuación incluíu tamén o acondicionamento previo do terreo e a instalación do cerramento mediante paneis de malla electrosoldada galvanizada. Segundo o proxecto, a zona ocupa unha franxa duns 80 metros de lonxitude e entre 13 e 25 metros de ancho dentro do Parque Municipal.

O investimento total da actuación ascende a 26.573,05 euros, dos cales 21.961,20 euros corresponden ao orzamento de execución material e 4.611,85 euros ao IVE. O proxecto foi promovido polo Concello do Carballiño e redactado polo arquitecto Sergio Mascareñas Nogueiras.


Sobre o financiamento, Elvira Torres destacou que se trata dunha actuación “participada totalmente polo Concello do Carballiño, desde a Concellería de Medio Ambiente e Termalismo”, e enmarcou a iniciativa no esforzo por seguir ampliando os servizos públicos e “facilitar a convivencia en todo este mundo das mascotas”.

A concelleira pechou a súa intervención cunha chamada ao aproveitamento e coidado do novo espazo: “Agardamos que este parque canino sexa o primeiro, que se desfrute e que se coide”.

Compartir en: