O concello do Carballiño aproba un orzamento ordinario para 2027 de 10,18 millóns, que prioriza os servizos sociais e impulsa investimentos por valor de tres millóns de euros

O pleno da corporación municipal do Concello do Carballiño aprobou hoxe, cos votos favorables do PSOE e do PP, os orzamentos municipais para 2027, que ascenden a 10.184.340 euros e teñen como principais prioridades a atención social, os servizos públicos e os investimentos. As contas contemplan unha dotación municipal de algo máis de medio millón de euros para investimentos, que contribuirá a mobilizar actuacións por un importe global estimado de tres millóns de euros, grazas ao cofinanciamento con outras administracións públicas.

Os servizos sociais son a principal prioridade económica do Goberno local. A área de Servizos Sociais e Promoción Social contará con 1.636.213,83 euros, o 16,07 % do orzamento, e convértese na que dispón de máis recursos, incluindo tamén ao persoal. A esta cantidade súmanse os 1.123.789,18 euros destinados a Benestar Comunitario, que inclúe servizos básicos como a iluminación pública e o saneamento. Entre ambas as áreas suman 2,76 millóns de euros, máis do 27 % das contas municipais.

O orzamento destina tamén, igualmente co persoal,  1.552.080,98 euros a Seguridade e Mobilidade Cidadá; 925.585,65 euros a Educación; 547.457,02 euros a Deporte e 432.645,69 euros a Cultura. O apoio á actividade económica reflíctese nos 538.788,41 euros destinados a Comercio, Turismo e Pemes, e nos 225.522,09 euros para Medio Rural.

Un investimento global previsto de tres millóns de euros

O Concello consigna 503.010,88 euros no capítulo de investimentos reais. Parte desta dotación permitirá contribuír ao financiamento de diferentes actuacións que, coa participación económica doutras administracións públicas, representan un investimento global estimado de arredor de tres millóns de euros.

Entre os proxectos que se prevé impulsar mediante esta fórmula figuran as intervencións nas rúas Balneario e Faustino Santalices e na Praza Maior, a reforma da Praza de Abastos e o pavillón da Uceira.

A colaboración entre administracións permitirá ampliar a capacidade investidora do Concello e acometer obras de mellora dos espazos públicos, modernización de equipamentos e dotación de infraestruturas deportivas.

As contas inclúen, ademais, 489.420 euros en transferencias correntes para subvencións e achegas a entidades e actividades, e manteñen o equilibrio entre ingresos e gastos.

Coa aprobación dos orzamentos, o Goberno municipal, integrado polo PSOE e o PP, dispón do marco económico para desenvolver as súas prioridades durante 2027, coa atención social como principal partida de gasto e cun programa de investimentos orientado á mellora dos espazos públicos e dos equipamentos do Carballiño.

Compartir en: