O pleno da corporación municipal carballiñesa ven de dar luz verde á modificación de crédito necesaria para mobilizar preto de 670.000 euros dirixidos a obras e melloras en vías e servizos públicos, xardíns, infraestruturas e edificios municipais. “Trátase de servizos e proxectos moi importantes para o noso concello dos que se beneficiará toda a nosa veciñanza”, resalta José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño.
Entre outras actuacións, o investimento permitirá realizar reposicións de vías públicas, adecuación e mantemento dos xardíns, renovación de infraestruturas do Parque Municipal, adquisición de mobiliario urbano e melloras do edificio da Biblioteca, no plan de seguridade do Auditorio ou no Museo do Papel. Neste último, rematarase a estrutura interna do edificio, o que permitirá abrir as súas portas a veciñanza e turistas como espazo senlleiro do Carballiño.
Por outra banda, o pleno tamén aprobou a asignación dun total de 136.000 euros para subvencións nominativas a entidades sociais e asociacións culturais do Carballiño. “O goberno local reforza así o seu compromiso co tecido cultural, social e asociativo da nosa vila e coas entidades que levan tantos anos traballando e axudando á poboación”, resalta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
Esta partida orzamentaria beneficiará, entre outras, a entidades que realizan unha importante labor social cos colectivos máis desfavorecidos do Carballiño, como Cáritas Diocesana, Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afaor).


