Os concellos do Carballiño e Leiro, premiados no certame “Vilas en Flor” 2026

O Carballiño vén de recibir tres Flores de Honra na gala do programa “Vilas en Flor Galicia”, un recoñecemento ao traballo de coidado e mantemento sostible dos espazos verdes. A concelleira de Benestar Comunitario, Rosa Fuentes e o concelleiro de cultura Diego Fernández foron os encargados de recibir o galardón “que pon en valor o gran esforzo realizado ao longo do último ano”, destacan desde o concello carballiñés.

No acto de entrega dos galardóns celebrado en Salceda de Caselas tamén foi premiado o concello de Leiro con dúas Flores de Honra, sendo o seu alcalde Francisco Fernández quen o recollía en nome da institución municipal.

A iniciativa en Galicia está impulsada pola Fundación Juana de Vega, xunto coa Asociación de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Instituto de Estudos do Territorio, e premia aos municipios galegos (de 1 a 4 flores), valorando aspectos como o patrimonio vexetal e paisaxístico, a sostenibilidade ou a integración dos espazos verdes na vida local.

Compartir en: