Desenrolado por coroa.es
Manuel Penedo falando para Cope O Carballiño
(Redacción. Belén González) No seu entorno pódense atopar numerosas arquitecturas que datan de diversos séculos como é a Ermita de San Bartolomeu e Virxe do Rosario, en Segade que data do século XVII; a igrexa de San Cosme de Cusanca do século XVIII e do pleno barroco e outras moitas máis decoran o Concello ó que esta semana se trasladou Cope O Carballiño. O Concello de O Irixo, que é o terceiro máis grande en extensión da provincia de Ourense, acolle un amplo abanico de posibilidades para non aburrirse. O seu alcalde corresponde co nome de Manuel Penedo Paradela, o cal está realizando proxectos para impulsar ó pobo. Entre as súas últimas obras está a ampliación da Casa Consistorial hacia o que foi a antiga Cámara Agraria e que hoxe en día funciona como Edificio Multiusos e almacén. Penedo tivo tempo para falar das obras do AVE, que tanto afectaron ó concello, do Plan E e de diversas actuacións que se farán nos diferentes pobos. Nestes momentos, o alcalde espera unha reclamación patrimonial pola auga de Cangues, ademáis de que a empresa concesionaria levará a cabo numerosas reparacións dos estragos causados no alcantarillado, a limpeza do cauce do río e o aglomerado das rúas. O Concello tamén se atopa pendente dunha reclamación feita no pleno que solicita o cambio do centro de transformación cara a zona norte do Outeiro. Os proxectos que aínda ten pendentes O Irixo son a base de montaxe que expropiará terreos ós veciños. A liña do AVE collerá uns 70.000 metros cadrados e esta base de montaxe vaille servir como unha liña de mantemento ó ADIF na estación do tren.
As obras que se van levar a cabo nos vindeiros meses son: o Plan E que está pendente da construcción dun muro de contención en Condomiña, asfaltar tódalas carreteras, executación da pista que vai dende A Ponte. Os plans provinciais realizarán un reforzamento da traída da auga a Parada de Laviote, entrada ó pobo por preto do Centro Social e a traída da auga a Casares. Un proxecto que aínda está no aire é a solicitude dunha gardería para o pobo, xa que nestes últimos anos tivo lugar un pequeno repunte demográfico.
Manuel Cerdeira -Lito- con Belén González nunha entrevista do programa
Outra das entrevistas foi a Manuel Cerdeira, o vicealcalde do Concello, que falou da IX Edición da Festa do Cabalo. Este ano, o programa ven repleto de actividades para esta xornada festiva o vindeiro 2 de agosto na Carballeira do Tellado. Esta festa está organizada pola Asociación de Cabaleiros do Irixo que está composta por 30 persoas. Ás 12.00 horas comezará o concurso de beleza e estampa pura raza española; ás 12.30 horas celebraráse o concurso de beleza e estampa de cabalos cruzados e ás 13.00 horas haberá o concurso de beleza e estampa de potros/as. Despois desta exhibición haberá o xantar popular na carballeira onde os asistentes poderán degustar pulpo, carne ó caldeiro, empanada... A xornada continuará a partir das 17.00 horas co concurso de andadura galega de dous tempos; ás 17.30 horas celebraráse o concurso de andadura galega de catro tempos. Ás 18.00 horas terá lugar o concurso de andadura de cabalos trotóns. Ás 18.30 horas serán repartidos os trofeos e para rematar a partir das 19.00 horas actuará un dúo musical. Nesta edición haberá cabaleiros do Carballiño, de Maside, da Asociación de Cabaleiros do Deza e da zona da Barrela. Este mesmo día haberá unha exposición dos traballos realizados nos distintos obradoiros a partir das 10.00 horas e que estará aberto todo o día. Ademáis, non podería faltar o Verán Cultural que terá lugar entre o 3 e o 7 de agosto. Este campamento urbán celebraráse na Carballeira do Tellado, onde haberá monitores dende as 10.00 horas ata as 13.00 horas. Para que os máis novos sigan desfrutando da época estival, a IX Festa do Neno, o día 8, fará as delicias deles a partires das 16.30 horas no Colexio do Irixo. Haberá xogos populares, paiasos, xogos de escuma...
Outro dos convidados foi Antonio García Reinoso, Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo (a esta asociación pertencen 252 socios), que manifestou as numerosas actuacións que está facendo o TECOR (Terreos Cinexéticamente Ordeados) para recuperar e protexer a biodiversidade que hai nos montes do Irixo. Despois dos incendios que tiveron lugar no ano 2006, Reinoso declarou "sempre tratamos de evitar lumes facendo cortalumes para a súa prevención". Ademáis, "cando arde máis dunha hectárea de monte, os cazadores non poden cazar durante un período de tres anos", según a nova lei de incendios. Dende o 2003, a Asociación traballa para ordear o terreo e aumentar as especies de caza menor, as cales se viron moi afectadas pola vaga de lumes. "Recuperamos moitas hectáreas de monte financiado polo programa AGADER"; tras varias reunións o programa foi aprobado no 2006 e que se levou a cabo entre o 2007 e o 2008. Dende o cumprimento deste proxecto, o Presidente da Asociación de Cazadores do Irixo confirmou que "estamos moi satisfeitos e témolo máis que cumprido. Hoxe pódese ir a pé polo monte sen ter que baixar a ningunha pista".
Un programa que abarcou diferentes puntos dende o acontencer na Casa Consistorial ata as actividades lúdicas que se van celebrar e os proxectos que está levando a cabo a Asociación de Cazadores do Irixo.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/mana-de-cope-o-carballino-retransmite-o-seu-programa-desde-o-irixo-con-motivo-da-ix-festa-do
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/mana-de-cope-o-carballino-retransmite-o-seu-programa-desde-o-irixo-con-motivo-da-ix-festa-do
[3] whatsapp://send?text=
[4] https://www.copecarballino.es/print/42230