Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://www.copecarballino.es)

Inicio > A Xunta adquire por case 242.000 euros 15 hectáreas do monte veciñal aos comuneiros de Cristimil e a Torre. Nesta superficie ubícase o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

19, Setembro 2025 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

A Xunta de Galicia adquirirá unha superficie de 15 hectáreas no ámbito do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa por un importe de 241.962,43 €. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tras asinar o acordo co representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, propietarios dos terreos.

No acto protocolario de sinatura do documento, nas instalacións do Parque Arquelóxico, tamén estivo presente o alcalde do concello de San Amaro, Fernando Redondo. Precisamente, este sábado celébrase o Festival Céltico de San Amaro, unha xornada histórica e festiva que se desenvolve neste xacemeento arqueolóxico, coñecido como "a cidade" Tal e como explicou o representante do Goberno galego, o Parque Arqueolóxico conta cunha superficie total de 20 hectáreas, das cales 15 pertencen a esta Comunidade de Montes.

“Trátase dun terreo que inicialmente foi cedido á Xunta de Galicia polo Concello e cuxa propiedade, posteriormente, foi outorgada á Comunidade de Montes pola vía xudicial”, informou antes de engadir que no ámbito desta superficie está localizado o centro de interpretación do Castro de San Cibrao de Las. “Este xacemento é un dos máis destacados de Galicia polo seu tamaño, estado de conservación e a súa importancia tanto a nivel histórico como científico por iso para a Xunta de Galicia era unha prioridade poñer fin ao conflito”, precisou López Campos, engadindo que, deste xeito, “acadamos un acordo histórico para toda a Comunidade porque nos permite poñer en marcha un novo proxecto”.

Así, tal e como subliñou, o documento asinado hoxe posibilita que se inicien os trámites da expropiación amigable e a declaración da prevalencia de utilidade pública destes terreos. “Este é un primeiro paso importante e o noso compromiso é que estea finalizado antes de que remate o ano 2026”, puntualizou. Cómpre lembrar que o Castro de San Cibrao de Las, situado a uns 10 quilómetros do Carballiño, nos termos municipais de San Amaro e Punxín, conta xa co máximo réxime de protección como ben representativo do patrimonio arqueolóxico de Galicia ao terse iniciado, en maio deste mesmo ano, o expediente de incoación para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural.

Esta declaración fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia histórica e arqueolóxica, sendo un dos xacementos máis sobranceiros e coñecidos da Comunidade Autónoma, como elemento crucial da Idade do Ferro. Así o expediente aínda en marcha destaca que a súa integridade preservouse de forma excelente, sen que se vise afectada substancialmente a súa morfoloxía ao longo dos varios séculos de historia desde ou seu abandono. Foi precisamente esta singularidade a que fixo que a Xunta de Galicia o escollese para crear o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, un centro de interpretación para difundir este coñecemento entre a poboación e os visitantes que recibe cada ano máis de 10.000 persoas.

Escoita aquí a entrevista a Modesto Rodríguez, presidente dos comuneiros de Cristimil e A Torre:

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://www.copecarballino.es/novas/xunta-adquire-por-case-242000-euros-15-hectareas-do-monte-vecinal-aos-comuneiros-de-cristimil

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-adquire-por-case-242000-euros-15-hectareas-do-monte-vecinal-aos-comuneiros-de-cristimil [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/xunta-adquire-por-case-242000-euros-15-hectareas-do-monte-vecinal-aos-comuneiros-de-cristimil [3] whatsapp://send?text=A Xunta adquire por case 242.000 euros 15 hectáreas do monte veciñal aos comuneiros de Cristimil e a Torre. Nesta superficie ubícase o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. http://copecarballino.es/novas/xunta-adquire-por-case-242000-euros-15-hectareas-do-monte-vecinal-aos-comuneiros-de-cristimil [4] https://www.copecarballino.es/print/69131