Desenrolado por coroa.es


O Concello do Carballiño informa de que veñen de rematar as actuacións de mellora e mantemento realizadas no CEIP Calvo Sotelo – Edificio Uceira, centradas na recuperación e posta a punto dos muros de peche exterior do patio cuberto.
Os traballos executados incluíron unha limpeza integral dos paramentos exteriores, así como o seu saneamento e posterior pintado, actuacións que permiten mellorar tanto a estética como a durabilidade das instalacións e garantir un entorno escolar máis seguro e agradable para o alumnado.
A intervención comezou coa limpeza xeral dos muros, retirando previamente as pinturas soltas e os restos deteriorados. Para iso empregouse unha máquina hidrolimpadora de auga a presión con lanza, actuando de arriba abaixo en franxas horizontais para disolver a suciedade acumulada.
Antes do inicio da limpeza realizáronse probas técnicas previas co fin de axustar correctamente os parámetros de presión e caudal, garantindo unha intervención eficaz sen ocasionar danos nos materiais orixinais. Os traballos implicaron tamén o trasporte, montaxe e desmontaxe do equipamento especializado.
Ademais, procedeuse á eliminación dos detritus acumulados nas partes inferiores dos muros mediante chorros de auga a baixa presión, e á recollida e carga dos restos xerados nun camión contedor para a súa correcta xestión ambiental.
Unha vez finalizada a limpeza, realizouse o saneamento dos pechamentos exteriores do patio cuberto. Esta fase incluíu o tapado de fendas, selados, reparación de zonas deterioradas e aplicación de emplastes necesarios para consolidar a superficie.
O pintado final foi realizado con pintura acrílica plástica de alta durabilidade, aplicada en dúas mans de acabado, garantindo unha protección óptima fronte á intemperie.
Mellora integral do entorno escolar
Estas actuacións enmárcanse no plan municipal de mantemento e posta a punto dos centros educativos do Carballiño, co obxectivo de mellorar continuamente a seguridade, conservación e imaxe das instalacións públicas utilizadas por centos de nenos e nenas.
A concelleira de Educación, Lorena Castro, asegura que desde o goberno municipal seguirán “traballando na mellora dos tres edificios do CEIP Calvo Sotelo”.
O Concello tamén agradece a colaboración da comunidade educativa e lembra que seguirá impulsando intervencións deste tipo para garantir espazos escolares de calidade.
Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/rematan-obras-de-mellora-executadas-polo-concello-do-carballino-no-colexio-da-uceira
[2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/rematan-obras-de-mellora-executadas-polo-concello-do-carballino-no-colexio-da-uceira
[3] whatsapp://send?text=Rematan as obras de mellora executadas polo concello do Carballiño no colexio da Uceira http://copecarballino.es/novas/rematan-obras-de-mellora-executadas-polo-concello-do-carballino-no-colexio-da-uceira
[4] https://www.copecarballino.es/print/69452