Copecarballiño.es
Publicado en Copecarballiño.es (https://www.copecarballino.es)

Inicio > O Concello avanza na consolidación do Carballiño como destino gastronómico de referencia co polbo como elemento central

22, Xaneiro 2026 Cope Carballiño [1] [2] [3] [4]

O Concello do Carballiño impulsa unha estratexia pioneira para consolidarse como destino gastronómico de referencia co polbo como elemento central e elemento identitario. Trátase dunha aposta por poñer en valor o produto estrela do municipio, ligado á historia, cultura e economía local, da man das pulpeiras e pulpeiros, embaixadores dun oficio transmitido de xeración en xeración.

O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, pon en valor a iniciativa, “un paso máis para reforzar o noso modelo turístico, que xa nos converteu na primeira localidade máis visitada da provincia despois da cidade”. O edil detalla o proxecto, que consistirá na elaboración dunha estratexia de comunicación dixital orientada a mellorar o coñecemento, a percepción e a proxección do destino nun contexto turístico cada vez máis hiperconectado. “O servizo permitirá definir unha folla de ruta clara na promoción do noso municipio”, apunta Dacal.

Por outra banda, o Concello tamén visibilizará o labor das pulpeiras e pulpeiros co obxectivo de recoñecer e promocionar un oficio fundamental para a dinamización económica e social do municipio. A través da colaboración directa co colectivo, lanzarase un proxecto piloto no que participarán as dez empresas máis destacadas vinculadas ao polbo. Entre outras actividades, está prevista a promoción do colectivo e a organización de accións de recoñecemento profesional, así como a difusión do oficio, das receitas e doutros elementos do patrimonio material e inmaterial asociados ao polbo.

Plan de sostibilidade turística

Cun investimento próximo aos 75.000 euros, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento turístico sostible, baseado nos recursos propios, na identidade local e no recoñecemento das persoas que fan posible que o polbo sexa moito máis ca un produto gastronómico: un sinal de identidade e un motor de futuro para o municipio.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sostibilidade turística do Carballiño e a gastronomía do polbo, que conta cun orzamento dun millón de euros financiado polos fondos europeos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través do convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello.

Desenrolado por coroa.es


URL fonte:https://www.copecarballino.es/novas/o-concello-avanza-na-consolidacion-do-carballino-como-destino-gastronomico-de-referencia-co

Ligazóns
[1] https://www.facebook.com/sharer/sharer.php?u=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-avanza-na-consolidacion-do-carballino-como-destino-gastronomico-de-referencia-co [2] https://twitter.com/home?status=http%3A//copecarballino.es/novas/o-concello-avanza-na-consolidacion-do-carballino-como-destino-gastronomico-de-referencia-co [3] whatsapp://send?text=O Concello avanza na consolidación do Carballiño como destino gastronómico de referencia co polbo como elemento central http://copecarballino.es/novas/o-concello-avanza-na-consolidacion-do-carballino-como-destino-gastronomico-de-referencia-co [4] https://www.copecarballino.es/print/69643