“Taxi Draiver” con música en directo inaugura o Festival de Curtametraxes do Carballiño Xociviga ano dous. Escoita aquí a entrevista a Mario Filloy

Todo preparado no auditorio do Carballliño para acoller a gala de inauguración na que se celebrará o 50º aniversario de “Taxi Draiver” a mítica película de Martín Scorsese que se proxectará con música en directo a cargo dun cuarteto de Jazz. O evento comezará ás 20:30 horas deste mércores 25 de novembro, sendo a apertura de portas desde as 19:45 horas. A entrada terá un prezo de 10 euros, para o resto da programación a entrada será gratuíta.

O público poderá desfrutar dun total de 25 curtametraxes de diversos estilos e narrativas, procedentes dunha vintena de países. “As pezas foron escollidas entre algunhas das propostas máis destacadas do panorama internacional”, detallou Mario Filloy, codirector do festival. “Teremos curtas de Lituania, Haití, Perú ou Turquía, e nesta nova edición renovamos o noso compromiso coa diversidade cinematográfica, pola calidade e variedade de propostas, pensando sempre no público”, engadiu.

Un total de 15 estreas en España e Galicia

Neste Ano 2, o Festival Internacional de Curtametraxes proxectará un total de 15 estreas, 4 a nivel España e 11 a nivel Galicia. “Teremos pezas galegas multipremiadas, obras de directores nominados aos premios Óscar ou Goya e curtas participantes en festivais como o de Cannes”, sinalou Filloy.

Como é habitual, o núcleo das Xociviga será a sección Xentes, na que as curtas competirán polo premio do xurado e polo premio do público (que votará despois das proxeccións). “Haberá oito sesións dunha hora de duración aproximadamente, e estarán programadas para as 17,30, 19,00 e 20,30 horas, con entrada gratuíta”, explicou o codirector. A única excepción é o sábado 28, que debido a preparación da xornada electoral do 29N no Auditorio, só haberá dúas sesións de curtas.

Filme sorpresa de terror e actividades para os máis pequenos

O certame propón este ano unha actividade novidosa, a incorporación dunha sesión especial de cinema de terror cunha proxección sorpresa. “Será o venres 27 ás 23,00 horas, e o título non se revelará ata o comezo da sesión, tamén gratuíta”, apuntou Filloy.

Por outra banda, o festival mantén a súa firme aposta pola formación e participación dos máis pequenos da vila. Nesa liña, o sábado 28 ás 11,30 horas haberá unha sesión dirixida á familias. “Poderán desfrutar de ‘Shreck’ con motivo do seu 25 aniversario. O ano pasado foi unha sesión moi exitosa, con moita rapazada”, recordou. O sábado 21, en horario de mañá, haberá un obradoiro audiovisual para nenos e nenas, cuxas inscricións estarán abertas desde esta tarde a través das redes sociais do festival. Ademais, os directores ultiman os detalles das actividades previstas cos centros educativos da vila.

Entrevista en COPE O Carballiño a Mario Filloy:

Compartir en: