Do PSdG sobre a deficiente xestión municipal na casa da cultura e biblioteca

20, Xaneiro 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño critica a nefasta xestión cultural do grupo de goberno, fundamentalmente no que se refire á  Casa da Cultura e a Biblioteca, instalacións “que teñen na total desidia e abandono”.

 Os socialistas saúdan que o Concello decidise, non sen tempo, arranxar o sistema de calefacción da Biblioteca Municipal, e lembran que fai xa máis dun ano que se lle fixo esta petición ao alcalde, con entrega de sinaturas no Pleno, para denunciar a lamentable situación destas instalacións municipais.

 A reparación do sistema de calefacción “véndese agora como un logro por parte do Concello, a fin de agochar a lamentable xestión que se fai destas instalacións”. Critican que os estudantes que precisaron utilizar a Biblioteca “non só tiveron que sufrir o frío, senón que viron reducido o horario, que se restrinxiu soamente á mañá aducindo falla de persoal”.

 Os socialistas lamentan que o peche da Biblioteca polas tardes se fixese no mes de decembro, cando os estudantes universitarios volven polas vacacións do Nadal e teñen que preparar os exames. Denuncian que en moitos casos “tiveron que resignarse e desprazarse a outros centros públicos, como ás bibliotecas de Ourense, coas incomodidades e gastos que isto supón”.

 “Estas e outras situacións que se teñen dado nestas instalacións, son unha mostra do desinterese e a nefasta xestión cultural do goberno municipal, que evidencia que para eles non se trata dunha área prioritaria, xa que no que a fondos e recursos se refire, é na primeira na que recortan e traspasan gasto”.

Apuntan tamén que nestes días fíxose a selección do persoal que vai ser destinado a estas dependencias municipais “e agardamos que se resolva con prontitude e sexa un proceso transparente e xusto, que sirva para subsanar as deficiencias da área de cultura”.