Do PsdG sobre o estado da rede viaria municipal

24, Xaneiro 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño esixe ao Concello que poña solución inmediata ao “desastroso e lamentable estado da rede viaria do municipio”, no que os colectivos veciñais teñen contabilizados máis de 3.000 baches no casco urbano e no rural.

 

Os socialistas consideran unha vergoña que “mentres por un lado aos cidadáns se lles sube o imposto de circulación de vehículos, por outro case non teñen por onde circular cunhas rúas en estado lamentable, en pleno centro do Carballiño, e con accesos ao rural cheos de buratos”.

 

“A imaxe que da O Carballiño é lamentable, coas zonas máis céntricas da vila case intransitables para o tráfico, e nas que non se pode dar un paso sen atopar un bache”, apuntan.

 

Esixen por tanto ao Concello que axilice o inventario que está a facer coa Deputación para arranxar a rede viaria, e esperan que o financiamento sexa suficiente para que asfaltar axeitadamente as rúas, “e non só remendalas un pouco para que nuns meses estean igual, como xa aconteceu en outras ocasións”.

Dedicación do concelleiro de obras

Denuncian o escaso interese que o concelleiro de Obras, Magín Daparte, amosa por poñer solución a este problema “e iso que cobra 11.000 euros ao ano que pagamos entre todos, para dirixir unha área que quedou baleira de contido cando a Deputación pasou a encargarse dos traballos da rede viaria”.

 

“Cobra por unha dedicación ao Concello, ao que cada vez se dedica menos, a non ser que sexa para facer chapuzas, como na rúa Curros Enríquez, ou para aprobar proxectos de obras feitos polos seus familiares” , sinalan.

 

Critican así  a xestión deste concelleiro tamén no caso da rúa Curros Enríquez “empedrada ás presas, que nada máis rematarse presentou gran cantidade de charcos e tubaxes e rexistros de auga atascados, e que hai que volver a levantar para facer novas obras durante dous meses máis”.

 

Lembran ademais que sobre este concelleiro xa se recibiron moitas queixas do sector de profesionais que se dedican á redacción de proxectos de obra, xa que existe un claro conflito de intereses ao aprobar, como xestor público, obras visadas por el mesmo ou polos seus familiares directos.