Do PSOE de Leiro sobre a liña de alta tensión e a actitude do PP

11, Xullo 2025

O PSdeG-PSOE de Leiro lembra que presentou en prazo as súas alegacións contra o proxecto de evacuación dos parques eólicos do Ribeiro e O Carballiño. As e os socialistas acusan ao Partido Popular de “permanecer no silencio absoluto e agora correr a sacarse a foto para tapar a súa nefasta defensa dos intereses da veciñanza”.

Dende o grupo municipal socialista de Leiro subliñan que o PP “intenta aparentar que defende Leiro, pero a realidade é que non fixeron absolutamente nada namentres o proxecto avanzaba”. Neste senso afirman que foi o PSdeG-PSOe de Leiro “o que traballou, informou e presentou alegacións para protexer montes, ríos, camiños e paisaxes”.

As alegacións presentadas polos socialistas de Leiro recollen as inquedanzas de veciños e veciñas que alertan do impacto no territorio, no viñedo, nos acuíferos e nos camiños e accesos tradicionais. Nas mesmas tamén se sinala a afectación ao patrimonio cultural e paisaxístico, ao medio ambiente e ao propio desenvolvemento socioeconómico vinculado ao viño e ao turismo do Ribeiro, “elementos que sustentan o futuro do noso concello”, sinalan dende o PSdeG-PSOE.

As e os socialistas de Leiro apostan por un modelo no que “primen as renovables, pero non o espolio de recursos naturais do noso municipio e da súa contorna”. Neste senso defenden con claridade as enerxías renovables, pero reclamando “un modelo de transición enerxética xusta, con participación da veciñanza e que teña retorno para o rural, compensacións reais para os concellos e a cidadanía que teñan que soportar estas infraestruturas, e unha protección da paisaxe, o patrimonio e as actividades agrarias do municipio”.

“Galicia soporta encoros e liñas de alta tensión, mentres temos unha das facturas máis caras e sen compensacións para os nosos municipios”, afirma o voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, que recalca tamén que “queremos renovables con xustiza, non un novo espolio contra os nosos montes e ríos”.

Rodríguez tamén destaca que “fronte ás fotos do PP, están as nosas alegacións e o noso compromiso na defensa firme de Leiro e a súa contorna” e apunta que “fixémolo en tempo e forma, con feitos e non co postureo ao que nos teñen acostumados os populares”.

O PSdeG-PSOE de Leiro continuará impulsando iniciativas para que o Ministerio de Transición Ecolóxica escoite ao territorio e garanta compensacións directas aos concellos e veciños afectados, cunha planificación ordenada e con participación pública, “evitando que Leiro e a súa contorna sexa empregado unha ve máis como zona de sacrificio sen retorno”.