O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o abandono do Camiño da Petada, unha obra de case 225.000 euros esquecida polo goberno municipal

O PSdeG-PSOE de Leiro vén de denunciar publicamente o estado de abandono absoluto no que se atopa o Camiño da Petada, en San Clodio, unha actuación executada no ano 2008 coa colaboración da Xunta de Galicia e un investimento conxunto de 224.988 euros de fondos públicos.
A intervención, promovida polo Concello de Leiro en colaboración coa Consellería de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia, tiña por obxectivo recuperar un camiño histórico que conecta a Praza de San Clodio co río Avia, no corazón do núcleo tradicional. Tratábase dun proxecto coidadosamente deseñado para integrar os accesos ás vivendas e ás adegas, con materiais de alta calidade e baixo mantemento (adoquín de pedra morena, formigón rayado, elementos deseñados a medida como sumidoiros, rexistros pavimentables, barandillas de aceiro cortén e marquesiñas), coa canalización soterrada de todos os servizos e a instalación de iluminación pública.
17 anos despois da súa execución, o goberno municipal de Leiro non foi capaz de realizar unha mínima acción de mantemento ou conservación. A vexetación invade parte do percorrido e a marquesiña instalada naquela actuación atópase completamente cuberta por silvas, ofrecendo unha imaxe de total deixadez e desleixo. A zona está descoidada, sen limpeza nin control, e non hai sinais de que se teña previsto actuar.
Para o PSdeG-PSOE de Leiro, esta situación é intolerable, porque non só supón un deterioro do espazo público e do patrimonio urbanístico de San Clodio, senón que representa unha burla ao investimento de cartos públicos, que foron destinados á posta en valor do camiño, á mellora da mobilidade peonil e á integración paisaxística da contorna.
“Non estamos pedindo grandes obras nin novas actuacións, simplemente pedimos respecto polo xa feito. Manter en condicións dignas unha intervención financiada con diñeiro de todas e todos non é unha opción, é unha obriga”, declarou o portavoz municipal socialista, Manuel Rodríguez.
Desde o grupo municipal socialista esíxese ao alcalde e ao seu equipo de goberno que deixen de mirar para outro lado e acometan de inmediato labores básicas de conservación e mantemento, comezando por recuperar a funcionalidade da marquesiña e limpar os accesos do camiño, devolvéndolle a dignidade a un espazo que formou parte da memoria histórica, comercial e cultural de Leiro.
“O Camiño da Petada non é só unha rúa. É un símbolo da conexión entre barrios, do viño, do San Clodio histórico. E merece algo máis que o abandono. Merece coidado, atención e respecto”, conclúe o grupo socialista.