As problemáticas sen resolver na rúa Rega

11, Outubro 2021

Os conflitos na rúa A Rega, na que os veciños veñen a padecer numerosos problemas de tráfico; accesibilidade; e falla de mobiliario; hai xa anos, lonxe de resolverse, semellan ir a máis cada día.
En gran parte, isto débese á incomprensible soberbia e falsidade do alcalde Fumega, quen, sistemáticamente, promete unha cousa e logo fai outra diferente.
No ano 2018, nunha xuntanza á que acudiron uns 40 veciños de dita rúa, acordouse a instalación dun pivote automático para resolver os constantes problemas derivados dos aparcamentos irregulares e máis instalar unha serie de mobiliario nunha rúa esquecida a pesares de estar no centro da vila e ser moi transitada por contar cun dos accesos a un gran supermercado.
No mesmo ano, sendo concelleiro de tráfico o hoxe voceiro de Espazo Común no Carballiño, Adolfo Nogueira, o comprometido bolardo quedou instalado e só pendente de establecer os criterios para permitir o acceso e o reparto dos mandos.
O mesmo sistema, foi o que se aplicou, con evidente éxito, para resolver problemas similares no barrio de Flores e na rúa Perfectino Vieitez.
Durante tres anos, nada máis se soubo do Concello e do acordado, ata que a primeiros deste ano, sen previo aviso, o alcalde ordeou unha reforma que non tiña nada que ver co pactado.
Enterados do enfado de moitos dos afectados, o noso Grupo Municipal, levou unha moción ao pleno de febreiro no debate da cal, Fumega, comprometeuse a ter unha reunión cos mesmos e por en marcha o pívote de xeito inmediato.
Outros 7 meses despois, o rexedor nin apareceu por alí, nin puxo en marcha nada máis que a súa xa habitual cadea de enganos e excusas.
De novo, un número considerable de veciños, ao sentirse abandoados pola xestión dos responsables municipais, dirixiuse a nós para denunciar que a situación dos aparcamentos irregulares que moitas veces lles impiden acceder aos seus garaxes está peor ca nunca e que do mobiliario prometido, tampouco hai nova algunha.
A tal punto se chegou que unha veciña decidiu ubicar un caldeiro no medio da rúa ante a falla dunha papeleira. (adxuntamos imaxe)
Pedimos ao señor Fumega que pense en dicir algunha vez a verdade e que deixe de tomar o pelo a uns e a outros.
Ah, e que se ten tempo entre a súa viaxe a Valencia para o congreso do seu partido e a contratación de orquestras, que adique algo do seu tempo aos problemas reais da veciñanza.

Denuncia remitida polo grupo municipal de Espazo Común no Concello do Carballiño.