Sobre o debate da incineradora do Irixo en Telemiño

23 Jan 2012

O outro día estiven a presenciar o debate en Telemiño acerca da  
conveniencia ou non de instalar unha planta incineradora (complexo  
mediambiental, segundo a persoa que interviu telefonicamente en nome da  
empresa, Estela Eólica) no Concello do Irixo. E gustaríame facer algunha  
matizacións e puntualizacións ao que alí se dixo. En primeiro lugar, non  
creo que unha linguaxe eufemística (complexo medioambiental por planta de  
tratamento de lixo, ou valoración enerxética por incineración) axude a  
clarificar de que estamos a falar realmente. Así que sería desexable que  
fora abandonada dita linguaxe canto antes polos responsables da empresa e da  
administración. Non digamos xa polo señor Penedo, empeñado dende o  
principio en soster que a planta só emite vapor de auga, como se dunha pota  
de auga  a ferver no lume se tratara. Non sei que información ten, pero a  
xulgar polas declaracións que fai semella vivir na máis absoluta ignorancia  
sobre este tema. Empeñado tamén en que pasemos os vindeiros anos mirando a  
pantalla do ordenador, segue a afirmar que poderemos controlar o nivel de  
contaminación cada 3 minutos (primeiro eran cinco), cando todo o mundo  
admite xa que, por exemplo as dioxinas, só se miden cada seis meses, xa que  
é o que marca a lei.
      Ao fin e ao cabo, o señor Penedo é certo que non ten por que saber  
moito sobre incineradoras e métodos de tratar o lixo, xa que simplemente é  
o alcalde do concello do Irixo, e se non fora tan “aventureiro” seguiría  
tranquilamente a día de hoxe sen ter que saber  noción algunha sobre a  
cuestión. E nós, os veciños da comarca, igual. O que xa me preocupa máis  
é que os representantes da administración en ese debate estaban nunha  
situación moi similar. O primeiro deles, Justo de Benito, director xeral de  
Calidade Ambiental, acabou por dicir que el non sabía moito do asunto, que  
el non era un técnico, e que había que fiarse dos técnicos. Claro, el é  
“director xeral”, de que Consellería é o de menos, fai uns anos  
tocoulle de fomento do emprego, agora de calidade ambiental, na próxima xa  
veremos. A verdade é que se non es “tecnico” en nada, podes ser director  
xeral de calquer cousa. Caso diferente foi o director de Sogama, o señor  
Lamas, que se presentou a si mesmo baixo o disfrace de técnico, a xulgar  
polos estudos científicos que manexaba, e que segundo el amosan de maneira  
clara que este tipo de instalacións son inocuas, grazas a unha teconolxía  
cada vez máis perfecta. É máis, permitiuse incluso citar un estudo, feito  
en Cataluña, polo centro superior de investigacións científicas, segundo o  
cal se concluía, segundo el, que non había ningun risco para a saúde das  
persoas que vivían a carón dunha incineradora, nen tampouco para os  
cultivos ou o gando da zona. O dicía con tanta seguridade, empregando algún  
tecnicismo, corrixindo un erro dun adversario con afán de desacreditalo (era  
o único que tiña unha formación en ciencias naturais, e debeu consideralo  
“perigoso”),  ilustrounos con moitos datos doutros países, máis  
“avanzados” co noso, que incluso poñían as incineradorea como reclamos  
turísticos nos centros das cidades, que case me convence. O problema foi que  
case, xa que nun despiste ocórreselle dicir que el non vivía da política,  
que el estaba alí de paso e que o día de mañá volvería ao seu traballo  
de sempre. Como non vivía da política, eu pensei que o nomearían entón  
director de Sogama por ser un gran entendido na mateira, con ampla formación  
científica sobre os procesos que se levan a cabo nunha planta destas  
características, especializado en xestión de residuos, que sei eu. Pero  
mira ti por onde que non, cando rematara este periodo en que el “non vivía  
da política” pensaba voltar ao seu traballo de ¡avogado!. E digo eu, se  
es avogado, que razón se che ocorre a ti para que te nomeen responsable do  
tratamento do lixo de toda Galicia?. Dame a min que a única explicación é  
política, e ten moito que ver coa situación do anterior persoaxe que  
mencionamos, o Director Xeral de Calidade Ambiental. En resumidas contas, que  
os dous individuos empezáronseme a parecer moito. E empecei a sacar  
conclusións. Os únicos que estaban alí a favor da planta de Incineración  
do Irixo eran: 1º) Un “político” que se declara incompetente na  
materia, xa que non é técnico; 2º) Un suposto técnico que non é tal, é  
avogado, e que vive (moi ben por certo, xa que con ese salario débese vivir  
moi ben) de que os mesmos que nos pretenden instalar unha incineradora  
“inocua” o nomearon director doutra que fixeron eles mesmos; 3º) O que  
faltaba, un responsable da empresa encargada de facer a incineradora inocua,  
perdón, complexo medioambiental, ao cal sería unha falta de respecto grave  
suporlle algún interese particular no asunto. Polo tanto decidín empezar a  
dubidar de que estés tres homes foran unha fonte de información fiable  
(como verán, e por respecto ao alcalde do Irixo, o señor Penedo, a el xa  
non  o considero nen sequera unha fonte de información, fiable ou non). Así  
que de repente recordei por exemplo que o informe do Centro superior do  
investigacións científicas non dicía iso exactamente, senón que dicía  
que os dez anos de estudo non parecían tempo suficiente para sacar  
conclusións epidemiolóxicas, o que nos leva exactamente a concluír o  
contrario do que dixo este señor, que é que non sabemos se pode ser  
perigoso ou non, moi  diferente a dicir que como de momento non o é non o  
vai ser nunca. Tamén recordei que outros estudos publicados, feitos por  
persoas aparentemente un pouco máis neutrais neste asunto e que si son  
técnicos (un exemplo demoledor é Incineración e saúde pública, colgado a  
día de hoxe en ducias de páxinas web) parecen indicar unha clara relación  
entre determinadas doenzas, algunhas tan graves que poden ser mortais, e a  
presenza de plantas deste tipo na zona. Tamén recordei que en varios deses  
países “avanzados” dos que falou se instalan en zonas urbanas (para non  
facer que o lixo, que se produce nas cidades sobre todo, ande de turismo  
rural) porque as que se instalan en zonas rurais, con agricultura e  
gandeiría, afectan ao tecido produtivo desas zonas, que en ocasións ten que  
ser eliminado. Tamén recordei que estas plantas non serven para producir  
enerxía tal e como empezou dicindo, xa que segundo os propios datos de  
Sogama, que este señor parece ignorar a pesar de dirixilo, gastan máis  
enerxía da que producen. E que se o negocio é rentable é porque estafa aos  
concellos, xa que lles cobra por incinerar cando en realidade enterra no  
macrovertedoiro da Areosa. Por certo, Sogama pretendía precisamente acabar  
cos vertedoiros en Galicia. Estrana contradicción.  E isto lévame a outra  
cuestión. Este señor dixo tamén que esta incineradora era necesaria,  que  
o lixo era un gran problema e que había que “resolvelo”, algo no que  
tamén coincidía o responsable da empresa, que cando dixo que o peor que lle  
pode pasar a un residuo é que o abandonemos enterneceume o corazón.  
Parecía estar a falar con tanto cariño dese residuo que era como se lle  
fose un familiar cercano.  Empecemos por recordar que fai case vinte anos iso  
mesmo se nos dixo para xustificar a construcción de Sogama, e que lonxe de  
solucionar o problema parece que o empeorou. É certo que os nosos hábitos  
de consumo teñen moito que ver con esta situación, de feito a crise, e a  
baixada consecuente do consumo, aliviou un pouco o panorama. Pero sobre todo  
ten que ver a nefasta política de xestión de residuos que se leva feito  
neste país dende que eu teño memoria (e teño o cabelo escaso e branco, ou  
sexa que fáganse unha idea), e que lonxe de apostar pola reducción,  
reciclaxe, reutilizacion e compostaxe, como mandan as normativas europeas,  
empeñouse na incineración, que é o último que se debe facer segundo as  
mesmas normativas. E non olvidemos que o señor Lamas, como director de  
Sogama, é un dos responsables directos desta desfeita mediambiental.
Todo isto levoume á seguinte conclusión: a administración non minte en  
parte ou conta a verdade a medias aos cidadáns, a administración minte  
sempre, polo menos sempre que o necesita. E neste caso o necesita de xeito  
imperioso: a ver quen vai querer que ao carón da súa casa instalen unha  
planta onde se queima lixo, onde se producen escoiras perigosas e cinzas  
aínda moito máis tóxicas, que ten un vertedoiro asociado que pode acabar  
sendo grandioso como o da Areosa en Sogama, que xera postos de traballo de  
baixa calidade, xa que moitos consisten en tratar directamente co lixo, que  
contamina acuíferos polas filtracións, que emite substancias tóxicas pola  
súa chiminea, que se espallan nun amplo radio, que ao ser tan grande o  
volume de lixo que vai tratar concentra esas emisións nunha zona, etc. Polo  
tanto hai que contar outra “realidade”, e incluso invitounos a todos nós  
a visitala. Non sei se inclúe un chapuzón no Acuaparc, porque se é así eu  
prefiro deixalo para o próximo verán, cando mellore o tempo. Mentras tanto,  
a min gustariame invitar a todo o mundo a buscar outras fontes de  
información (é evidente que moita xente xa o fixo), a visitar a planta de  
tratamento de lixo que se atopa no Barbanza, que incinera pero moito menos, e  
recicla e recupera moitos máis, como en eses “países avanzados” dos que  
nos falou o señor Lamas e a ver esta semana dous documentais que o Cine Club  
Carballiño proxecta na Casa da Cultura ás 20:30 horas: o mércores Comprar  
tirar comprar, onde falará tamén unha experta en xestión de residuos para  
explicarnos por que xeramos tanto lixo e a insostibilidade desta situación;  
o xoves Alternativa Cero, que contará coa presenza do seu director, o  
carballiñés Pachi Baranda, e que analiza polo miudo o que pasou fai uns  
poucos anos en Carballeda de Avia cun proxecto semellante e cales foron as  
reaccións dos veciños e dos políticos. Porque non esquezamos que cando a  
administración necesita mentirnos, pouco importa quen estea ao fronte dela.

Ricardo Paz

  

Comentarios

O de este Señor paréceme

O de este Señor paréceme aberrante. Menuda análise tan obxectiva e tan clarificadora¡¡¡, cóntanos con pelos e sinais os datos dos contertulios dun lado da mesa, como se estes fosen mercenarios con unha opinión que non vale para nada. Do outro lado da mesa non hai ninguén para este Señor, porque para él son políticos altruistas que defenden o ben, bueno e un médico que non sei moi ben que defende. Sr. Paz, non estaria mal que o relato do que veu vostede nese debate, sendo vostede o introductor deste comentarios fose un pouco máis obxectivo, con independencia da súa opinión particular, despois ten tempo de dar outros comentarios máis subxectivos como facemos os demáis. Pero de inicio ter o privilexio de informar e dedicarse a ser parte e a crispar paréceme despreciable¡¡¡¡

Eu non pretendo informar

Antes de nada unha primeira aclaración. A miña denuncia non fala do debate que vostede presenciou a semana pasada, que se celebrou o martes no Foro da Región e que se viu en Teleminho o venres pasado, se non me equivoco, senón do anterior, no programa Punto crítico de Teleminho, e no cal non había ningún médico. En segundo lugar, eu non pretendo informar de xeito obxectivo, como vostede pretende que faga, senón por de manifesto que os que se presentan nos medios como persoas con coñecementos técnicos non son mais que, no caso ao que me refiro, e tal e como vostede di, "mercenarios cunha opinión que non vale para nada". Eu non o dixen con esas palabras, pero se a vostede lle gustan, quédese con elas. Xa por último, non me soen parecer moi obxectivas aquelas persoas que falan de "facer comentarios obxectivos con independencia da súa opinión", eu son incapaz de facelos e sospeito e os que os reclaman nos demais simplemente ocultan a súa ideoloxía e opinións persoais nunha aparente obxectividade, ben por ignorancia ou ben por mala intención. Un saúdo. Ricardo Paz

Hola Ricardo, seguro que te

Hola Ricardo, seguro que te lembras de mín, dechesme clases hai 3 anos. Eu tamén vín o debate en telemiño o Domingo (en diferido), e teño que decir que me deu unha impresión moi semellante a túa. Quería felicitarte polo análise tan logrado que fiseches, menos mal que sempre haberá mentes lúcidas que nos axudarán a clarifirar as ideas. Outra cousa, hai apenas unhas 3 semanas oira que Valcácel ía ir a Cerceda e recorrer os pobos de por alí, preguntándolle a xente e investigando ata que punto afectou a incineradora, e que posteriormente escribiría unha carta a copecarballiño; eu como pola semana estou en Samtiago non o puiden oir e non o dín encontrado por ningunha parte, gustaríame saber algo diso xa que facer un traballo "in situ" pareceme a mellor idea. Saúdos, grazas unha vez máis polo teu análisis e INCINERADORA NON!

Hola Ricardo, seguro que te

Hola Ricardo, seguro que te lembras de mín, dechesme clases hai 3 anos. Eu tamén vín o debate en telemiño o Domingo (en diferido), e teño que decir que me deu unha impresión moi semellante a túa. Quería felicitarte polo análise tan logrado que fiseches, menos mal que sempre haberá mentes lúcidas que nos axudarán a clarifirar as ideas. Outra cousa, hai apenas unhas 3 semanas oira que Valcácel ía ir a Cerceda e recorrer os pobos de por alí, preguntándolle a xente e investigando ata que punto afectou a incineradora, e que posteriormente escribiría unha carta a copecarballiño; eu como pola semana estou en Samtiago non o puiden oir e non o dín encontrado por ningunha parte, gustaríame saber algo diso xa que facer un traballo "in situ" pareceme a mellor idea. Saúdos, grazas unha vez máis polo teu análisis e INCINERADORA NON! Rubén González Otero

Cerceda é distinto

Ir a Cerceda para saber como vive o Concello non ten sentido, non se poden comparar os dous casos. Cerceda era un Concello industrial cunha central térmica e unha mina de carbón a ceo aberto a punto de pechar. Pasaron dun traballo altamente contaminante a outro igual de duro e contaminante, polo que transición non foi moi dramática. Tamén hai que recordar que Sogama veu da man da Xunta, e o proxecto recibiu moito diñeiro de axudas da Unión Europea (que se invertiu entre outras cousas na creación do aquapark), pero no Irixo é unah empresa, polo que non se terán todas estas inversións. Se a esto lle sumas que ó ser una proxecto estratéxico está libre de licencias de obra (non pagarán un céntimo ó concello)... non habrá ningunha inversión no concello. Así que non é comparable o Concello industrial de Cerceda co Concello de O Irixo, un dos últimos concellos medioambientalmente virxes de Galicia.

resposta

Ola Rubén, xa falei con Valcárcel, foi xa a Cerceda, pero non sacou ningunha conclusión interesante: algunha xente falaba a favor e outros en contra. Un saúdo. Ricardo.

Ola Rubén

Ola Rubén, alégrome de saudarte e de que alguén máis firme as opinións que verte neste foro. Mañá pola mañá xa lle pregunto a Valcárcel e xa te contesto. Un saúdo. Ricardo.

Cuando la gente de la calle

Cuando la gente de la calle tenemos mas sentido comun que los politocos que nos dirigen....algo estamos haciendo mal. Que hacen ahi puestos todos estos charlatanes de medio pelo? de eso tenemos nostros la culpa. Pero tiene que pasar algo como esto para que ese alcalde que todos decian "é un bo rapaz" " non fai nada bo pero tampouco fai nada malo" ,nos descubra sus cartas...ahora que la verdad es tan evidente, no podemos estar callados. Gracias Ricardo,...me ha ayudado a poner en orden mucho de lo que está pasando.

Gracias Ricardo, por las

Gracias Ricardo, por las tonterias que dices fue una pena que no fueras tú a TELEMIÑO, porque os que fueron no sabían nada de una incineradora ¿ O es que tú solo escribes tonterias?yo creo que tenías miedo quedar con el culo al aire.

En resposta ás súa obsevación

Ola, sinto que as miñas afirmacións lle parezan tonterías, aínda que gustaríame escoitar pola súa parte algún argumento de por que o son, xa que non emprega ningún. Non fun a Telemiño porque alí foron compañeiros que estou seguro se saben explicar moito mellor ca min, e como comprenderás, non fun invitado a participar por parte da administración ou da empresa para defender o seu proxecto, xa que estou en contra. Reafírmome en que os que alí foron a defender o proxecto non son especialistas na materia, como parece obvio. É máis, non é que non saiban moito sobre incineradoras, senón que ademais ocultan unha boa parte do que saben. Xa para rematar, non teño medo de quedar co "cu ao aire", xa que cando digo algo o asumo publicamente firmando co meu nome, cousa que vostede non fai. Un afectuoso saúdo. Ricardo Paz

Canta maldade, deberías ver o

Canta maldade, deberías ver o panfletiño que xa circula polo Irixo de quen son os mandamases de Estela eólica, ven todo moi explicadiño, e a verdade é que da medo de verdade, ¿non serás ti un dos que describen alí. Totalmente dacordo con Ricardo, o xerente de Sogama que sempre se presenta como un cargo non político que non vive da política, e resulta que xa foi presidente de NN.XX de Lugo e concelleiro nesa cidade, e por encima é avogado que xa me diredes que ten que ver eso cos resíduos, bueno hai avogados que de basura saben moito, non sei se será o caso.

Gracias Ricardo pola tua

Gracias Ricardo pola tua lucidez e polo teu análise tan menucioso e obxetivo, nótase cando fala un técnico de verdade¡¡¡¡ e gracias a COPE Carballiño por incendiar cada día un pouco máis a vida da xente que ainda vive no Irixo

Grazas, pero on son técnico

Ola, moitas grazas polo teu comentario, pero aclarar que eu non son técnico na materia nen pretendía pasar por tal, simplemente aclarar que aqueles que pretenden informarnos tampouco o son, e que moito mellor se buscamos información seria e contrastada, que hai moita. Un saúdo. Ricardo Paz

Gracias

moitas gracias por falar con sentido e sin faltar a verdade !! gracias a COPE por axudarnos ! (un comuneiro de Sta Maria do Campo)

Menos mal que ainda pensa

Menos mal que ainda pensa alguén, gracias Ricardo por nos poñer negro sobre branco o que moitos temos na cabeza.