O concello destina 60.000 euros para o acondicionamento do mirador da piscifactoría
O concello do Carballiño procederá nas próximas semanas ao acondicionamento e reforma da praza-mirador da piscifactoría. Este espazo, situado ao final da avenida do Parque, fronte ao Instituto Chamoso Lamas, fora construido hai moitos anos pola primeira escola-taller do Carballiño, e o obxectivo é mellorar a accesibilidade así como a seguridade e a propia praza, o mobiliario e a varanda.
O orzamento desta reforma é duns 60.000 euros, que serán concedidos mediante unha subvención a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia. A concesión desta subvención foille comunicada á alcaldía a finais da semana pasada.
O proxecto consistirá na creación dun acceso empedrado con lousas de granito que facilitará o acceso autónomo das persoas con problemas de moblidade. Tamén se restaurará a varanda de madeira existente que rodea a zona do mirador, mellorando a seguridade. A praza central do mirador tamén irá enlousada con granito, e se modificarán os elementos ornamentais vexetais, setos e arbustos. Trátase dunha ampla reforma que convertirá este espazo natural nun lugar agradable de lecer. Dase ademáis a circunstancia de que esta praza-mirador atópase no final do paseo da Avenida do Parque e zona residencial, que é moi frecuentada por moitas persoas, sobre todo durante este tempo de verán.
O proxecto será adxudicado nestas próximas semanas, co obxectivo de que poida ser executado no menor tempo posible. Precisamente, esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira da área económica, Rita Soto, desprazáronse ata o mirador para ver a limpeza que se levou a cabo no entorno, mentres non cometen as obras. A iniciativa do proxecto partiu do alcalde, que considerou unha prioridade reformar este mirador natural sobre o río Arenteiro, que está enclavado nunha zona de gran relevancia turística, no camiño entre o parque municipal, a parte alta da piscifactoría e o conxunto formado polo parque etnográfico do Arenteiro, a Pena dos Namorados, a fábrica de papel da Lavandeira e o camping municipal.
O pasado ano, tamén mediante unha subvención semellante, procedeuse á construcción doutra praza-mirador sobre o sendeiro do río Arenteiro, na rúa Río Avia, a carón do Gran Balneario, co que con este tipo de proxectos estanse poñendo en valor os recursos turísticos do Carballiño. Por todo isto, a alcaldía transmitiu o agradecemento á Secretaría Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, pola súa colaboración tanto neste proxecto como noutras iniciativas de promoción turistica do Carballiño.