A Deputación recoñece ás "Supermulleres de Boborás" como exemplo de "solidariedade, socialización, e acción social no rural"

7, Abril 2025

Este mes de abril, coincidindo coa celebración do primeiro ano do programa, “8M, mes a mes”, a Área de Igualdade da Deputación de Ourense quere realizar un recoñecemento especial á importancia de reunión e a sororidade entre mulleres para compartir vivencias, afeccións e pasar o tempo en boa compañía. Nesta ocasións as mulleres seleccionadas para ilustrar esta iniciativa son as “Supermulleres de Boborás” .

Son un grupo de cinco mulleres que se reúnen no concello de Boborás. Está composto por Leontina Vázquez, Mª Dolores González, Rosa Mª Pérez, Concepción García e Rocío Sobrado. Catro delas da parroquia de Sta. María de Xuvencos e unha de San Xulián de Antreses.

Este colectivo xurdiu a raíz de coincidir nun curso ofertado polo Concello de Boborás para as mulleres do rural, e co tempo consolidouse en reunións habituais. Nestas xuntanzas, fundamentalmente realizan diferentes manualidades (ganchillo, calceta, bonequiñas...), e todas elas son doadas á Asociación Española Contra o Cancro.

Ademáis da súa labor solidaria, elas mesmas comentan que usan este espazo para socializar, intercambiar ideas, libros, risas e apoio moral, creando dese xeito unha gran acción social na contorna.

Destaca tamén a Área de Igualdade que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, que as agrupacións de mulleres, coma as “Supermulleres” de Boborás, “son moito máis que simples encontros; son fogares da alma onde o tempo se detén para dar paso á complicidade, ao apoio incondicional e á forza compartida. Nestes espazos, cada palabra, cada risa e cada man tendida entrelazan unha rede invisible pero poderosa que sostén a quen a precisa”.

Compartir vivencias, afeccións e momentos de vida converte estas reunións nun refuxio cálido onde o silencio nunca pesa e onde os soños, en lugar de esmorecer, multiplícanse, explica a deputada de Igualdade. “Son fíos invisibles que tecen lazos de sororidade, eses que fan que ningunha muller se sinta soa, que cada historia conte e que cada pequeno xesto de solidariedade transforme o mundo, un punto de ganchillo, unha aperta ou unha gargallada á vez”, conclúe Teresa Barge.