Do BNG sobre a inquientante información relativa ao funcionamento da EDAR do concello de Cea

8, Abril 2025

Dende o Bloque Nacionalista Galego do Carballiño queremos facer pública a nosa preocupación e desconfianza ante das declaracións de José Luis Valladares, alcalde de San Cristovo de Cea, aparecidas en varios medios de comunicación. Nestas comunica ter mantido unha xuntanza coa Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.

Trala xuntanza o señor Valladares afirma que logrou o compromiso da consellaría para a construción dunha nova EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) para o Concello de Cea, compromiso que se une a unha subvención da Deputación de Ourense para as obras de separación das augas residuais e pluviais no núcleo urbano de Cea. Tras estas declaracións públicas no BNG entendemos que a actual EDAR do Concello de Cea segue sen funcionar e, por tanto, segue a verter sen control augas residuais no regato do Toxo, ao tempo que entendemos que o Alcalde de Cea segue a ser o responsábel da xestión das augas residuais do seu concello.

Sorpréndenos que o alcalde faga estas declaracións cando aínda non transcorreu un ano dende a sentenza que o condenou a un ano de cárcere e un de inhabilitación na toma de decisións relacionadas coa xestión de augas.

Lembramos que esta condena viñera trala denuncia de axentes da propia Consellaría de Medio Ambiente na que constataban un vertido da EDAR de Cea ao regato do Toxo, atopando unha grande cantidade de bacterias residuais no río Silvaboa, ou Marañao, no que desemboca o citado regato. A nosa preocupación é máxima tendo en conta que o rio Silvaboa, ou Marañao, desemboca no Arenteiro, a 100 metros augas arriba da captación de abastecemento para consumo humano dos Concellos do Carballiño e Maside.

Por tanto dende o BNG do Carballiño estamos a dar os seguintes pasos coa intención de aclarar o exposto neste escrito, no desexo de que a veciñanza dos concellos de Maside e do Carballiño poidan ter a máxima tranquilidade á hora de consumir a auga dos nosos ríos, tanto para uso doméstico como para bañarse nas súas augas ou consumir as troitas pescadas nelas: -

1º. O grupo Parlamentar do BNG, a través da deputada Noa Presas, rexistrou varias preguntas á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre este tema e así poder saber se o Alcalde de Cea, inhabilitado para estas cuestións, é quen xestiona as augas residuais do Concello de Cea.

- 2º. O grupo Municipal do BNG no Concello de San Cristovo de Cea ven de rexistrar varias preguntas dirixidas ao alcalde dese concello coa intención de saber cal é a situación actual e real da depuración de augas residuais e se actuacións que se están a realizar, incluíndo o responsábel político destas, o están a facer tal e como marca alexislación actual.

- 3º. Dende o BNG rexistraremos no Concello de Maside unha petición dirixida ao seu alcalde para que, dende a Mancomunidade de Augas, da que forma parte xunto co do Carballiño, se solicite á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Augas de Galicia e á Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático un estudo en profundidade da calidade das augas dos ríos Arenteiro e Marañao. Este estudo, ademais de realizarse augas arriba da captación para os dous concellos e en época de baixo caudal, debe contemplar non só a busca de bacterias, senón tamén a presenza de metais pesados, produtos químicos procedentes de medicamentos, etc; elementos sempre presentes cando as augas residuais están sen a debida depuración

- 4º. No Concello do Carballiño faremos a mesma petición ca no de Maside a través do rexistro municipal e/ou mediante moción para ser debatida en pleno. Aproveitamos este tema para facer un chamamento ao grupo municipal do PSOE do Carballiño para que reflexionen sobre o significado que o pacto co PP supón -neste caso- a nivel ambiental porque, de facto, significa branquear as políticas que están a destruír e espoliar impunemente os recursos do noso País enchendo os montes galegos de eólicos, aperturando minas cun alto impacto ambiental que só benefician a uns poucos, ou avalando a posta en marcha da altamente contaminante macro-celulosa de Altri no corazón da Galiza.

O Carballiño, 7 de abril de 2025

Manuel Chan Muñoz Responsábel Local do BNG do Carballiño