Pachi Vázquez anima a Espazo Común e outras formacións políticas minoritarias a traballar para comprometerse coa política galega coa vista posta nas municipais de 2027

26, Abril 2025

O salón de actos do Aparthotel Arenteiro do Carballiño acolleu a Xuntanza Galega de Espazo Común, primeira que celebra este ano e coa vista posta no horizonte electoral de 2027, ano no que terán lugar as eleccións municipais e nas que a formación liderada por Pachi Vázquez quere dar batalla na meirande parte dos concellos galegos.

Desde espazo Común destacan a "ampla participación tanto de público como a calidade dos intervintes remataron por compoñer un acto de enorme valor para tentar cumplir cos obxectivos marcados pola dirección do partido: analizar a situación política da Galicia actual e futura, coñecer o punto de vista doutros partidos independentes e facer un diagnóstico sobre o camiño a seguir pola nosa formación".

Abríu a xornada unha intervención do voceiro no Carballiño, Adolfo Nogueira, para continuar cunha mesa na que interviron Xosé Antonio Ventoso (exalcalde de Ribeira), Xosé Mosquera (histórico do galeguismo ourensán, de Cea) José Juan Santos (de Unidade Local), Francisco Lorenzo (de Democracia Ourensana), Manuel Martínez (de Galicia Sempre) e Francisco Fraga (de Espazo Común).

As conclusións "foron altamente positivas e todos coincidiron nas virtudes e necesidade da existencia de formacións que planten cara aos partidos de sempre, que arelan suprimir calquer tentativa de facerlles sombra".

Nunha segunda mesa, representantes de Espazo Común das catro provincias, analizaron a situación actual e a folla de ruta "para chegar cada día a máis galegos e ampliar as fronteiras coa presenza na meirande parte dos concellos de comunidade autónoma nas municipais do 2027".

Para pechar o acto, o presidente do partido, Pachi Vázquez, fixo unha intervención na que animou aos asistentes "a traballar arreo, alonxándose dos modelos tradicionais e desgastados de formacións políticas que non son nin queren ser a resposta ao que a cidadanía precisa".