O Carballiño acolle o Festival Máxico S. Xoán Bosco, con obradoiros, conferencias e varios espectáculos de maxia. Consulta aquí a programación.

19, Xaneiro 2026

O Concello do Carballiño colabora no Festival Máxico San Xoán Bosco, unha cita moi especial que reunirá na vila a asociacións de magos de Ourense, Lugo e Portugal do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro.

“Este ano continuamos co modelo exitoso das últimas edicións, que ofrece confraternización e tamén formación e obradoiros para os máis cativos”, detallou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación do evento.

O edil enxalzou o traballo realizado pola organización do festival, que xa supera os dez anos de historia. “Facemos un chamamento á poboación para que se achegue e desfrute das interesantes propostas que nos teñen preparadas”, engadiu.

Os impulsores do festival, Martín Domínguez (Le Grand Martin) e Santiago Cristóbal (Mago Ninou), puxeron en valor o encontro, que celebra ao patrón dos magos, San Juan Bosco, ao mesmo tempo que divulga e achega a maxia á poboación.

Nese sentido, puxeron en valor os beneficios da maxia para persoas de todas as idades e, en especial, para os máis pequenos. “Fomenta a creatividade, cultiva o pensamento crítico e matemático… É unha afección moi boa nun momento de saturación e sobreinformación como o actual”, resaltou Domínguez. “A maxia só funciona en comunidade, cando hai polo menos dúas persoas, polo que fomenta a socialización dos cativos”, apuntou Cristóbal.

Os organizadores agardan que o obradoiro infantil sexa un éxito de participación, como o foi no 2025. “É unha boa maneira de introducilos neste mundo e tamén de educalos como espectadores”, engadiu Cristóbal. A actividade levarase a cabo o sábado, día 31, de 16,30 a 18,00 horas no hotel O Xardín. As inscricións custan 15 euros e pódense formalizar a través do teléfono 607 248 799.

Galas e conferencia de Donald Lehn

O festival comeza o venres 30 de xaneiro ás 19,00 horas cunha misa na Igrexa da Veracruz na honra de San Juan Bosco, patrón dos magos. A partir das 20,30 horas, o café bar Lérida acollerá a Gala de apertura, na que participarán Magaldara, Mago Alvart e Mago Albert. “Son tres compañeiros do Ribeiro”, destacou Domínguez.

O sábado comezará co obradoiro de maxia infantil no hotel O Xardín, seguido da Gala familiar. “Estaremos Abel El Mago, Mago Chirleta e eu, Mago Ninou. A idea é pasalo ben e divertirnos en compañía de pequenos e maiores”, detallou Cristóbal. Xa pola noite, ás 00,00 horas, O Casino será o escenario da Gala hora máxica, na que participarán O Gran Mago, Guto e Aris Villarino.

O domingo, último día do festival, arrancará coa conferencia de Donald Lehn, máis coñecido como “Malo malísimo”. “É especialista en maxia de rúa e malabares, foi director da escola de circo de Madrid… é unha persoa con moitísima experiencia. A súa conferencia axúdanos a seguir formándonos”, apuntou Cristóbal. De feito, é unha actividade dirixida unicamente para magos e magas. As inscricións teñen un custo de 20 euros e pódense realizar a través do teléfono 690 766 208.

Despois do encontro con “Malo malísimo” levarase a cabo o tradicional xantar de confraternización, no que os asistentes desfrutarán dun cocido “máxico”. “Normalmente ao acabar de comer facemos un pouco de maxia para prepararnos para a gala final”, detallou Domínguez. Aquelas persoas que queiran inscribirse pódeno facer a través do 690 766 208.

A Gala de clausura porá o broche final ao festival no Auditorio Municipal. A partir das 18,00 horas, o público poderá desfrutar dos espectáculos do Mago Cris, O Mago de Boina e Nami, e Malo malísimo. “Estará presentada por David Méndez, un dos mellores magos de Galicia, é todo un luxo telo aquí no Carballiño”, asegurou Domínguez.