Abandona o BNG a súa concelleira en Avión tras anunciar os nacionalistas a "candidatura protesta" encabezada por Xavier Vence

23, Abril 2015

Almudena Valiñas Conchouso viña exercendo como concelleira do BNG en Avión desde o ano 2009. Por medio dun comunicado remitido aos medios e publicado en redes sociais a concelleira, que na actualidade sigue exercendo como tal na corporación muncipal de Avión, comunica que ven de solicitar a súa baixa no Bloque Nacionalita Galego.

Faino tras anunciarse por parte da executiva nacional do BNG a presentación dunha "candidatura protesta e anticaciquil contra as políticas de extorsión do PP" que encabeza o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence.

A aínda, a día de hoxe,  concelleira do BNG en Avión manifesta o seu enérxico malestar "paréceme unha falta de respecto cara a veciñanza de Avión a candidatura presentada polo BNG dende a Executiva Nacional". Tamén asegura que en ningún momento foi esa decisión consensuada cos militantes do BNG de Avión.

Almudena Valiñas aclara tamén  que "dende que exerzo como concelleira do BNG en Avión non se exerceu sobre min ningún tipo de extorsión por parte do Partido Popular". Finalmente, a concelleira atribúe a dificultade de presentar unha candidatura do BNG "non por extorsións, senón pola apatía que existe cara a política no noso concello, como proba o feito de que o propio Partido Popular, que lava 30 anos gobernando Avión, presenta unha candidatura sen suplentes", manifesta.