Aberta a inscrición para o Torneo de Reis de Fútbol Sala para todas as categorias, dende prebenxamín ata xuveníl

29, Novembro 2019

Serán arredor de 24 clubes os que se esperan participen no III Torneo de Reis de Fútbol Sala, que organiza o Club GRI Carballiño FS, e que foi presentado pola concelleira de Deportes, Silvia Baranda; o polo presidente e coordinador do club GRI Carballiño Fútbol Sala, José Manuel Vázquez Rodríguez e Juan Carlos Crespo Fraiz, respectivamente.

O torneo disputarase os días 3 e 4 de xaneiro nas dúas pistas do pavillón de deportes Paco Chao, cun horario continuo que irá desde as 09,00 ás 21,00 h. E no mesmo poden participar equipos masculinos nas categorías de prebenxamín, benxamìn, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

A inscrición, que é gratuita, pode realizarse ata o 30 de decembro na páxina web futbolsalacarballino@gmail.com ou no propio pavillón de deportes e redes sociais do club de fútbol sala.

Silvia Baranda explicou que, ainda que no cartel pon que é a segunda edición, en realidade é a terceira, porque anteriormente tamén se celebrou o torneo de Nadal. E dixo que a concellería de Deportes sempre ía apoiar este tipo de iniciativas de promoción do deporte base, e que espera que o torneo sexa un éxito de participación de equipos e público, como nas pasadas edicións.

José Manuel Vázquez recordou que este torneo é masculino porque o feminino se disputa en Semana Santa ante a imposibilidade de albergar tantos partidos en só dúas pistas e en tan pouco tempo. E tamén dixo que se espera a participación dos clubes da provincia de Ourense que compiten actualmente nestas categorías, así como de Pontevedra, Lugo e Santiago. E que nesta edición non haberá participación portuguesa porque, ainda que foron invitados, non poden desplazarse nesas datas.

Juan Carlos Crespo reiterou a importancia deste torneo para O Carballiño e invitou aos clubs a inscribir os diferentes equipos nas categorías incluidas no torneo.