Carlos Méixome publica "Polo avieiro de Dona Emilia", un libro que nos leva a O Carballiño dos anos 70. Escóitao aquí.

O mestre e historiador Carlos Méixome homenaxea ao Carballiño no seu último libro, “Polo Avieiro de Dona Emilia”, no que dá conta da relación de Emilia Pardo Bazán coa vila do Arenteiro e recorda fitos históricos e personaxes emblemáticos mesturados coa súa propia memoria.
Na presentación da obra, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor o “gran traballo” realizado por Méixome, que permitirá afondar na relación de Emilia Pardo Bazán co Carballiño, ademais de descubrir historias descoñecidas para parte da poboación. “No libro coñeceremos fitos que ocorreron aquí, como atentados, o vínculo co viño, a historia do Balneario e do termalismo…”, explicou Fernández.
“O título é un roubo descarado que lle fixen á magnífica escritora Emilia Pardo Bazán”, asegurou Méixome durante o acto. A autora, que cambiaba os topónimos con frecuencia (O Carballiño era Vilamorta na súa novela “El cisne de Vilamorta”), inventou Avieiro para referirse ao espazo no que conflúen os ríos Avia e Arenteiro e cuxo centro era O Carballiño. “Dona Emilia viña coa súa familia pasar o mes de setembro aquí, e con ese punto central o que fixen foi recuperar a miña memoria, revivir a miña época de mociño, os días de feira, os recordos familiares e unha serie de persoas que tiveron influencia en min como foron o mestre Don Aurelio, O Calviño ou Ernesto O Corcheiro, entre outros”, detallou.
O libro, dispoñible xa en librarías, inclúe tamén numerosas ilustracións e fotografías, entre as que se atopan imaxes de Felipe Gallego, veciño do Carballiño, tesoureiro da Asociación Fotográfica O’Potiños.
O público xeral poderá acudir este xoves, día 16, á presentación do libro no Carballiño. O acto terá lugar no Casino a partir das 20,00 horas. “Estará presente o director da editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, o prologuista, Gonzalo Navaza, e outras persoas amigas que tamén teñen que ver co libro”, apuntou Méixome.
Escoita aquí a entrevista de Lolo Carril a Carlos Méixome en COPE O Carballiño: