As Comunidades de Montes Veciñais en Man Común esixen á Xunta que retire da Lei de Montes "a obriga de pagar falsas débedas"

24, Novembro 2014

As Comunidades afectadas son aquelas que na época franquista fixeron convenios e consorcios para a reforestación dos montes. É o caso da Comunidade de Comuneiros do monte veciñal en man común do Testeiro, no municipio do Irixo, que agrupa a comuneiros dos pobos de Carballeda, Subirol e Munín.

Veñen de manifestarse para demandar da Xunta que "que nos aclare cómo se van facer esas liquidacións, porque non sabemos nada, so que aquelas comunidades que non atendan esas liquidacións en agosto de 2016 estarán obrigadas a facer contratos con empresas forestais para ceder a xestión dos montes, na consellería dinnos que a lei non se vai aplicar, pero eso non ten moito sentido", manifestan.

Manteñen dende estas Comunidades de Comuneiros que "as supostas débedas deben ser eliminadas por falsas e inxustas, falsas porque os convenios incluen gastos no monte que non se fixeron, e inxustas porque nacen dun roubo, porque os montes foron usurpados ós comuneiros". No caso concreto do monte do Testeiro, a reforestación fíxose no ano 1958.