A Concelleira de Servizos Sociais, Asunción Rivero, presentou a axenda de apertura da Escola Infantil

31, Agosto 2009

(Redacción. Belén González) A concelleira de Servizos Sociais, Asunción Rivero, presentou os actos que comezarán esta semana na Escola Infantil, situada no Colexio Calvo Sotelo. O vindeiro 2 de setembro, os pais e nais dos cativos matriculados están convocados a unha reunión informativa ás 19.00 horas sobre cómo vai ser o funcionamento desta escola. Os días 3 e 4, terán lugar unhas xornadas de portas abertas para todos aqueles pais que están interesados nesta escola e queiran coñecer as instalacións. Actualmente hai 47 nenos matriculados e 10 prazas vacantes que ata o día de hoxe aínda poden solicitar a preescripción. Esta Escola Infantil contará con dúas mestras e cinco educadoras, aínda que coa boa acollida que tivo e co horario tan amplo que vai ter estúdase a posibilidade de ampliar a plantilla.  A Escola Infantil abrirá as súas portas ás 07.30 horas da mañá e pechará ó redor das 21.00 horas; estas instalacións están pensadas para todos aqueles pais que por cuestións laborais non poidan atender ós seus fillos. Este servizo non é temporal, senón que se prolonga ó longo de todo o ano para que os nenos estén coidados e ó mesmo tempo se relacionen con outros cativos.