A concelleira masidá Maria Luz Roo pasa a dirixir a nova Coordenadora do PSOE na comarca do Carballiño

O PSdeG-PSOE continúa coa súas reunións orgánicas pola provincia, e desta vez as e os representantes socialistas mantiveron un encontro no Carballiño, no que se constituíu a coordinadora comarcal Ribeiro/ O Carballiño, que estará dirixida por María Luz Roo Cabo, concelleira en Maside.
Na xuntanza participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria provincial de política municipal, Susana Rodríguez Estévez. A comarca estivo representada por cargos do partido nos municipios do Carballiño, Maside, Punxín, Boborás ou O Irixo.
Dende a Executiva Provincial salientan que a reunión “permitiunos coñecer as necesidades da comarca, os puntos sobre os que temos que incidir a nivel municipal e escoitar as suxestións dos cargos do partido nestes concellos”. Asemade tamén apuntan que o obxectivo detrás destes encontros “é por a funcionar a maquinaria do partido e axustar o engranaxe coa vista posta nas municipais do 2027”.
Os socialistas apostan "por reforzar o partido nunha comarca clave no desenvolvemento da provincia e na que buscarán aumentar a representación nos municipios, obter novas alcaldía e, principalmente, formar as mellores candidaturas posibles para as eleccións do 27”.
A Executiva Provincial considera “primordial percorrer o territorio, escoitar a nosa xente, traballar cóbado con cóbado con eles e comezar a mobilizar ás bases do partido, atraer novos militantes e xerar espazos para o diálogo e o debate, tanto coa veciñanza, como cos axentes sociais”.
En relación á comarca do Carballiño "actualmente gobernase no Carballiño e en Maside e cóntase con representación nos municipios de Punxín, Boborás e O Irixo. A meta marcada é manter ambas alcaldías e tentar sumar algunha nova, ademais de lograr representación en municipios como San Amaro, Piñor, San Cristovo de Cea ou Beariz", subliñan.