Concello e Confederación Hidrográfica asinan o convenio de colaboración para a reforma da rúa Ourense, un proxecto que terá un orzamento de 1,7 millóns de euros.

31, Marzo 2023

"Será unha obra de gran envergadura", remarcan dende o concello do Carballiño, nun comunicado difundido tras a sinatura do convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica, para a execución e financiación da mesma.

O proxecto de humanización e mellora do saneamento da rúa Ourense do Carballiño inclúe a construción dunha glorieta e a reposición do pavimento, mobiliario urbano e axardinamento. O alcalde, Francisco Fumega, e o presidente da Confederación Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que determina as condicións para a financiación, redacción, posta a disposición dos terreos e entrega das obras.

Coa execución deste proxecto, que acada un orzamento de 1,7 millóns de euros e será cofinanciado pola Confederación e o Concello, nun 80% e un 20 %, respectivamente, poñeranse fin ás deficiencias existentes na rúa Ourense, destacan dende a institución municipal.

No último tramo, as condicións de evacuación de augas residuais e pluviais encóntranse en mal estado e a colaboración entre as dúas entidades permitirá poñer fin á problemática. A aportación económica correspondente ao Concello xa foi aprobada no último pleno de forma inicial e quedará aprobada de forma definitiva na seguinte sesión plenaria, aseguran dende o concello carballiñés.

Máis en concreto, as obras consistirán na execución de novas redes de saneamento e pluviais, así como na renovación das redes de abastecemento. Inclúese no proxecto a reposición de pavimento da vía, o mobiliario urbano e axardinamento en todo o tramo, que abarca uns 550 metros, entre as interseccións desta coas rúas Celso Emilio Ferreiro e 25 de xullo, onde se proxecta unha glorieta.

O alcalde, Francisco Fumega, destacou a importancia do proxecto "tendo en conta que as obras permitirán sanear o río Carrás e evitar as inundacións que se producen cando hai intensas chuvias".

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, engadiu que "as actuacións evitarán vertidos e mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas asociados ao río".